Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 20:00
O 63% do profesorado da ESO non sabe como actuar ante un posible caso de abuso sexual. Este é un dos resultados da tese de doutoramento 'Abuso sexual infantil: detección e afrontamento por parte do profesorado de Educación Secundaria en Galicia' que vén de presentar a pedagoga Rosa María Rúa, coa dirección de Carmen Verde, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da Universidade de Vigo (Uvigo).
O abuso sexual infantil, explica Rúa, “ocasiona efectos devastadores e permanentes a curto e longo prazo en menores de idade obxecto desta violencia, polo que debe ser interceptado canto antes”. Tendo en conta que a contorna escolar ten un "papel decisivo" na súa detección e afrontamento, na súa tese de doutoramento abordou a formación do profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) respecto desta violencia. Os resultados, apunta, “mostran insuficientes coñecementos do profesorado sobre o abuso sexual infantil e unha exigua formación para afrontalo”.
Rúa tamén investigou a existencia de protocolos de actuación ante a agresión sexual nos centros educativos galegos, coa finalidade de demostrar que a súa existencia é clave no seu afrontamento. O profesorado e a contorna escolar, comenta a xa doutora pola UVigo, “deben ofrecer protección aos menores de idade ao seu cargo ante estas situacións de vulnerabilidade, deben identificar e afrontar os posibles abusos sexuais infantís e para iso é decisivo que teñan un amplo coñecemento sobre o abuso sexual”.
CASE 500 ENQUISAS
Na súa tese de doutoramento, Rosa María Rúa empregou varias técnicas de investigación: unha revisión sistematizada para analizar de que forma se abordou o abuso sexual infantil na literatura especializada; entrevistas para obter valoracións expertas sobre a materia e un estudo realizado mediante un cuestionario a unha mostra de 478 profesoras e profesores de centros públicos e concertados de Educación Secundaria en Galicia.
“Os resultados obtidos nesta investigación empírica foron consistentes con investigacións previas e trasladan certas crenzas, mitos e estereotipos sobre o abuso sexual infantil por parte dos docentes", explica Rúa. Tamén "certos prexuízos sobre a imposibilidade de que se produza este tipo de violencia na vida dos nenos, nenas e adolescentes do centro escolar onde se traballa, o que provoca, á súa vez, o silencio da comunidade educativa resultado da negación do fenómeno”, sinala a investigadora.
O estudo, detalla, “arroxa unha porcentaxe moi baixa (37,3%) do profesorado que afirma saber como actuar ante o abuso sexual a un menor de idade, o que indica que este colectivo non sabe como abordar a cuestión”. O 85,8% das persoas participantes no cuestionario opinan que o profesorado pode contribuír a detectar o abuso sexual infantil e o 87,4% manifesta un total acordo no papel do centro educativo na protección do menor de idade fronte ao abuso sexual. “Observamos un acordo unánime en sinalar o profesor como a persoa máis indicada de todos os profesionais do medio escolar para detectar que un menor está a ser abusado sexualmente”, apunta Rosa María Rúa.
"SILENCIO PROFESIONAL" ANTE SITUACIÓNS DE ABUSO
Os resultados do traballo, comenta a investigadora, “confirman as hipóteses de partida desta investigación acerca de que no contexto educativo existe un silencio profesional ante as situacións de abuso sexual infantil, que os centros escolares non contan con protocolos específicos de actuación e o descoñecemento dos textos legais e os procedementos de notificación nos casos de abuso sexual infantil”. A totalidade das persoas participantes afirmaron, indica Rúa na súa tese, que aínda que o centro educativo debe intervir ante un caso deste tipo, “non o fai porque os profesionais que traballan nela descoñecen o procedemento de intervención”.
Os resultados demandan expor "canto antes a capacitación do profesorado en abuso sexual infantil e implantar nos centros educativos protocolos de actuación ante o abuso sexual para que se sintan competentes para lidar con estas situacións", sinala Rúa. Así, a investigación realizada “empraza a comunidade educativa galega a ter unha mellor e unha maior formación para saber identificar mellor o posible abuso sexual infantil nos nenos, nenas e adolescentes e para dispor de ferramentas persoais (sensibilización, coñecementos, etc.) e profesionais (protocolos, guías, etc.) que posibiliten afrontar as situacións nas que é detectado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.