Sucede tamén que este fito ocorre no quinto mes de xestión do novo Consello de Administración que preside Tino Fernández, despois de case vinte e sete anos de mandato de César Lendoiro, sinalado por moitos éxitos deportivos- impensábeis no 1992 e hoxe, mais tamén por unha xestión económica escura, que xerou unha débeda astronómica. Algo que non é privativo, dende logo, do Dépor na Liga BBVA, pero que non xustifica a executoria empresarial lendoirista. O Dépor volta a Primeira e isto é un grande reforzo para a nova equipa reitora. Malia que a contratación de Fernando Vázquez fose o derradeiro dos acertos deportivos de Lendoiro.
E, están as imaxes dun galego que exerce de selo, o adestrador Fernando Vázquez, amosando a súa humanidade a xeito de bágoas e carreiras pola banda de Riazor. Dun galego que soubo xerar dinámica de equipa, mailos seus altos e baixos e que soubo reconciliar xogadores e afeccionados, nomeadamente aos máis novos destes. Dun home rigoroso na metodoloxía, mais cheo de corazón e intelixencia emocional.
No mundo do fútbol, petado de adestradores estrelas e egos desmedidos, Fernando Vázquez demostrou que a humildade non é incompatíbel coa teimudez nos obxectivos e que o traballo ben feito non precisa de poses. E non houbo que ir fíchalo a Barcelona, Madrid, Londres nin Lisboa. Fernando Vázquez é un profesional galego que traballa como os mellores de fóra.