Sanitarios galegos presentan un sistema innovador para combater os ataques epilépticos

Trátase dun dispositivo que se implanta na rexión cervical para controlar un nervio. Case 30 nenos contan xa con esta axuda grazas ao traballo dos sanitarios do CHUS.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2022 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

Novos avances en medicina que saen á luz na capital de Galicia. Expertos reunidos en Santiago de Compostela presentaron o pasado día 19 un sistema que reduce as crises  epilépticas graves en nenos. Segundo destacan, trátase dun dispositivo que se implanta na rexión cervical e serve, fundamentalemnte, para mellorar a calidade de vida da rapazada.

Hospital Clínico de Santiago
Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Europa Press.

O anuncio do achado tivo lugar no marco da XXXVII Reunión da Sociedade Española de  Neurociruxía Pediátrica, albergada pola facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Ao longo de tres días un centenar de especialistas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal e Italia puxeron en común os seus coñecementos e experiencia neste campo, co fin de dar a coñecer os avances máis recentes que contribúan a facer fronte a patoloxías graves frecuentes en nenos. 

Na xornada derradeira, do sábado, foi cando se falou da cirurxía da epilepsia en menores. Entre os expertos participantes, interveu a doutora Carla Frieiro, neurocirurxiá da Unidade de Epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que na actualidade é unha unidade de referencia en toda España, ata o punto de que lles derivan pacientes doutros centros hospitalarios do país.

A doutora presentou a experiencia do CHUS neste campo. Explicou que para aqueles nenos que non son capaces de controlar as súas crises epilépticas por medio de varios fármacos, a saída por estar en implantar unha especie de marcapasos no nervio vago, situado na rexión cervical. Así se controlarían as crises mediante a emisión de impulsos ao cerebro. 

Tal como indica a experta, “este dispositivo utilízase en nenos que presentan epilepsias patolóxicas, é dicir, que teñen epilepsias asociadas a outras patoloxías como diferentes síndromes, parálise cerebral, hemorraxias infantís, desenvolvemento intelectual baixo, atraso  psicomotor… Son pacientes aos que lles resulta moi complicado controlar as crises”. Na maioría dos casos este sistema compleméntase coa administración de fármacos, aínda que os expertos buscan que se chegue a abandonar o seu consumo ou polo menos reducilo notablemente. Deste xeito lógrase diminuír o número de crises epilépticas e, en consecuencia, mellora a vida dos pacientes, que ademais son nenos.

UNIDADE PIONEIRA

Na Unidade de Epilepsia do CHUS xa se implantou este dispositivo a 28 nenos procedentes de toda Galicia e doutros puntos do Estado. “É un sistema moi seguro, sen apenas efectos secundarios. Ademais, vánselle incorporando avances, como un imán que os pais poden colocar na batería cando detectan que o menor vai sufrir unha crise; co que se consegue que finalmente non se desencadee. É o sistema máis eficaz que existe na actualidade para tratar a nenos con epilepsias graves”, asegura a doutora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta