Héctor, xogador do Depor: "Prefiro xogar en Balaídos que en Barreiro"

O xogador do Deportivo considera que aínda están a tempo de lograr o ascenso directo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/03/2022 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

O Deportivo afrontará o vindeiro domingo o partido ante o filial do seu máximo rival rexional, o Celta de Vigo, no Estadio Abanca-Balaídos despois de xogar a tempada pasada no campo de Barreiro, un cambio que o lateral esquerdo do conxunto coruñés Héctor Hernández agradeceu.

Imaxe de Héctor Hernández nun partido no Abanca-Riazor
Imaxe de Héctor Hernández nun partido no Abanca-Riazor | Fonte: Deportivo da Coruña

"O ano pasado xogamos en Barreiro, non se nos deu nada mal e a miña opinión persoal é que prefiro xogar en Balaídos que en Barreiro. Non sei cales son os argumentos do Celta para poñelo en Balaídos, pero benvido sexa. Estamos preparados", comentou nunha rolda de prensa telemática.

"Á afección faille especial ilusión pero afrontámolo como un partido máis. Estamos preparados, imos xuntos, sabemos cal é o obxectivo e imos a por iso ata o final", indicou en alusión ao ascenso directo.

"O outro día era un partido moi importante para nós. Viñamos dunha derrota moi dolorosa, que nos facía dano, e había que gañar polo civil ou o criminal, non importaba o como, senón que os tres puntos quedasen na casa. Afrontamos este tramo con moitas ganas", dixo.

O defensa do Deportivo da Coruña considerou que aínda están a tempo de lograr o ascenso directo, aínda que para iso teñen que sumar sete puntos máis que o Racing de Santander nas dez últimas xornadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta