Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/03/2022 | Actualizada ás 20:35
A empresa Recursos Minerales de Galicia S.L., filial do grupo SAMCA e titular do permiso de investigación “Alberta 1”, ven de desistir do recurso contencioso-administrativo contra a Xunta logo de que a administración galega resolvera arquivar o seu proxecto de explotación de litio nas Serras do Suído e Seixo, que afectaba aos concellos de Beariz, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade.
Nun comunicado, Ecoloxistas en Acción lembra que participou como co-demandada na causa xudicial e, por iso, "poido desmontar as pretensións da empresa e da Xunta de dar aparencia de legalidade a un procedemento viciado desde o inicio" ao ter prescindido da avaliación de impacto ambiental. “É demencial que, en pleno século XXI, a Xunta pretenda autorizar minas ignorando o trámite ambiental e os problemas asociados á contaminación radioactiva e de metais pesados”, sentencian desde Ecoloxistas en Acción.
Non obstante, desde a organización ecoloxistas alertan que esta victoria é apenas temporal. Así, destacan que a empresa mineira xa está ultimando a documentación dun novo proxecto co que iniciará de novo o procedemento de pase a concesión de explotación. Advirten que estarán atentos para evitar os atropelos do anterior trámite, no que se lles impediu o personamento aos distintos colectivos ecoloxistas. Isto propiciou que a organización ecoloxistas denunciara directamente aos cargos responsábeis polo penal. “Desta volta realizáronse as advertencias oportunas, pero a continiuidade na obstaculización da participación pública levará a accións xudiciais contra as propias funcionarias”, avisan.
O proxecto agora enterrado supoñía ademais un fraccionamento artificial de proxectos, xa que a pesar de que o proxecto presentado apenas detallaba unha primeira fase subterránea, a empresa pretendía explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de 20 kilómetros, incluíndo varias a ceo aberto. Ao mesmo tempo, a empresa Strategic Minerals, que xa comezou a explotación da mina da Penouta, pretende continuar a explotación cara Avión, Boborás e Covelo, onde está tramitando os proxectos “Alberta 2”, “Carlota”, “Macarena” e “Maite”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.