Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/03/2022 | Actualizada ás 17:05
A Campaña de prevención de adiccións aos xogos de apostas que desenvolveu o Concello de Santiago destacou que entre o 25 e o 35% dos mozos menores de idade, especialmente homes, efectuaron algún tipo de aposta no último ano.
Os resultados da campaña presentounos o concelleiro de Mocidade de Santiago de Compostela, Rubén Prol, que cualificou de "satisfactorios" os resultados obtidos. Na campaña participaron máis de 1.000 alumnos de terceiro e cuarto da ESO de distintos centros composteláns.
Prol explicou que o obxectivo da campaña radicou en "sensibilizar a mocidade dos riscos dos xogos de azar e as postas". Ademais, destacou a importancia de que se adherisen, non só entidades culturais e sociais, senón tamén deportivas.
Ao concelleiro acompañoulle o educador social de Arelar, Ramón Molina, quen comentou que á hora de facer os obradoiros viu que nos centros educativos hai unha "preocupación real" polo tema, que os alumnos acolleron a campaña con "moito interese" e que cando realizaron as actividades algúns mozos "admitían ter problemas coas apostas".
Molina expresou que a campaña se lanzou o 29 de outubro en redes sociais e na web, coincidindo co Día sen xogos de azar. O educador social destacou que conseguiron un alcance "satisfactorio" de 43.557 visualizacións en Facebook e de 23.223 en Instagram, dos cales 550 eran mozos de entre 14 e 19 anos nun radio de 17 a 20 quilómetros de Santiago.
O educador destacou que se quixo crear unha campaña "cos mozos", xa que as mensaxes que estes puidesen facer eran "moito máis potentes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.