Transporte: "Non vou mover o camión por 600 euros ao mes", di un camioneiro que se mantén no paro

O Goberno cede a reunirse coa plataforma convocante do paro. Pedro Sánchez destaca o "gran acordo" alcanzado co sector e di que se traballa "sen descanso".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 25/03/2022 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

O acordo do Goberno cos representantes maioritarios do transporte, entre as que destacan un desconto de 20 céntimos por litro en combustible para o sector, non desconvocou por completo as protestas que se seguiron nos últimos once días, especialmente esta semana, coa entrada dos camións e tractores nas principais cidades galegas. Aínda que este venres arrincou como unha xornada máis tranquila, que ademais desembocará nunha nova reunión da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, cos convocantes da protesta, rexistráronse algunhas accións de protesta.

Así, na Coruña, transportistas manteñen os piquetes ante instalacións como o porto herculino, precisamente á espera das asembleas para decidir se continúan ou non os paros. Este sábado, ás 11,00 horas, celebrarase unha da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), cuxo presidente, Antonio Señarís, explicou que falta por coñecer máis detalles do que ofrece o Goberno.

"Hai medidas de interese, pero temas como a fixación dos descontos do gasóleo xera dúbidas, non vén ben concretado", expuxo. Por iso, Ascentra esperará ás explicacións que lles dean desde a Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer), que forma parte da mesa constituída entre o Goberno e o sector do transporte.

Pola súa banda, Robustiano Camarero, transportista autónomo que participa nos piquetes na Coruña, admitiu que non lle convence a proposta feita. "Non vou mover o camión por 600 euros ao mes", sinala sobre o que quedaría cos descontos expostos. Ademais, volveu pedir ao Executivo central que escoite os transportistas autónomos para reivindicar outras demandas, ademais do prezo dos carburantes.

Mentres, o presidente da Asociación Empresarial de Transporte Río Miño (Aetram), Diego Arias, asegurou que se "mantén" o paro, posto que ten que ser a Plataforma en Defensa do Transporte, a convocante, a que tamén poña o fin ás protestas. Así, dixo que as medidas implementadas "son moi curtas" e "tampouco deixan claro como vai ser o sistema". Respecto diso da rebaixa, denuncia que se lles subiu 70 céntimos.

"Á parte, segundo recolle o acordo, é ata o 31 de xuño, son tan só tres ou catro meses e despois, que facemos?, volvemos outra vez parar?", preguntouse, antes de censurar que "non é un acordo a longo prazo". Ademais, remarcou que este paro "non foi a patronal" a que o convocou e subliñou que "os transportistas autónomos son o 85 por cento". "Somos os que facemos o transporte e estamos todos os días na estrada", sentenciou.

Aínda que non houbo colapsos de cidades como en días pasados, programouse un acto simbólico de protesta en Xinzo con saída de tractores da praza do Toural e regreso, que uniu uns 200 tractores para reclamar "un cambio de modelo que poña fin á destrución das granxas" e "garanta a calidade dos alimentos". A marcha foi convocada pola Asociación de produtores de pataca, o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Federación Rural Galega (Fruga), Unións Agrarias (UU AA) e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) para demandar ao Goberno galego e estatal "medidas que freen o impacto da subida dos custos no sector produtor".

Cola de camións pola A6 en dirección A Coruña, durante o cuarto día de paros no sector dos transportes, a 17 de marzo de 2022,. Carlos Castro - Europa Press
Cola de camións pola A6 en dirección A Coruña, durante o cuarto día de paros no sector dos transportes, a 17 de marzo de 2022,. Carlos Castro - Europa Press

"CEGUEIRA E INSENSIBILIDADE"

Mentres, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, lamentou que "se tardasen 11 días" en poñer encima da mesa "o que outros países como Francia, Italia e Portugal teñen" desde hai semanas. En declaracións aos medios, criticou, así mesmo, a "cegueira e insensibilidade" do Goberno con todo o sector, porque "detrás deste paro hai miles e miles de autónomos que non chegan a final de mes e non están a ser escoitados".

Ethel Vázquez apuntou que "o paro non rematou" e, por iso, reclamou "diálogo e que se atenda a todos os sectores, porque a desconvocatoria parcial non é a solución". "O paro continúa, veremos que pasa nas diferentes asembleas, hai miles e miles que non chegan a final de mes e a desconvocatoria parcial non é a solución, necesítase a total e veremos os acontecementos", sentenciou.

Tamén se pronunciou este venres a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen se comprometeu a escoitar os transportistas e trasladar as súas preocupacións tanto á Xunta como ao Goberno central, en función das competencias de cada administración. "O Concello está aberto", subliñou.

PLATAFORMA NACIONAL

O presidente da plataforma pola defensa do transporte de mercadorías por estrada, Manuel Hernández, que creceu a través de Internet nos últimos días, considerou que o acordo alcanzado co Goberno tradúcese en "migallas e propinas" e advertiu de que o paro continuará ata que esta plataforma, convocante do mesmo, sexa recibida pola ministra de Transportes, Raquel Sánchez.

"Connosco non falou ninguén, seguen sentándose coa xente equivocada, e seguen ofrecendo migallas e propinas para desconovocar un conflito que para nada pasa por un desconto no prezo do gasóleo", sinalou Hernández en declaracións a RNE recollidas por Europa Press.

Así mesmo, indicou que o paro continurá mentres que non haxa "solucións reais" que dean resposta aos seus problemas. "Terían que baixar máis de 60 céntimos para que poida ser suficiente. Non se está tocando o tema do prezo do transporte que é o mais importante, poder cubrir custos de explotacion, pero isto á patronal non lle interesa", sinalou.

"Seguiremos ata o final, senón se reunen connosco é imposible chegar a un acordo. Non se pode pagar por baixo de custos de explotación a quen realiza o servizo. Nesa mesa están a excluírnos polo que non hai nin acordo nin desconvocatoria, está en mans da ministra chamarnos e falar, mentres nos siga dando as costas estaremos parados", advertiu Hernández, quen non descartou "chegar a Madrid con camións se a situación continúa así".

A MINISTRA DI QUE É UN BO ACORDO

Pola súa banda, a  ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, afirmou que "xa non hai motivos" para manter o paro convocado, porque se alcanzou un acordo "histórico" que o Goberno cumprirá. Nunha entrevista en RAC1 recollida por Europa Press, a ministra dixo que co acordo debe cesar o conflito porque ten en conta todas as reivindicacións do sector, tanto as que se expuñan no comité como as da Plataforma: "Non hai motivos para manter a mobilización".

Así, defendeu que o acordo afecta de forma positiva ás empresas de transportes e tamén aos autónomos xa que, asegurou, o pacto tamén é con asociacións que representan especificamente os autónomos. "Senteime coas persoas que os transportistas escolleron para representalos, a interlocución do Ministerio loxicamente debe ser co Comité", engadiu.

No entanto, finalmente a ministra cedeu a reunirse coa Plataforma Nacional, convocante dos paros, e a reunión celebrarase esta tarde ás 17.00 horas, tras o acordo alcanzado co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC). A ministra animou a aqueles que prevén seguir protestando a que miren o acordo e analicen cales son as medidas: "O importante é se beneficia, e efectivamente beneficia os transportistas". 

PEDRO SÁNCHEZ

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, celebrou na súa conta de Twitter o acordo alcanzado esta madrugada co sector do transporte, "que suporá unha inxección de máis de 1.000 millóns de euros". "Desde o Goberno traballamos sen descanso, tanto en España como na Unión Europea, para mitigar os efectos da guerra. Seguimos", engadiu o xefe do Executivo nun 'tuit'. Sánchez atópase desde onte en Bruxelas para asistir á reunión do Consello Europeo, no que se debaterán medidas para rebaixar os prezos da electricidade.

Entre as medidas alcanzadas esta madrugada co sector do transporte destaca un desconto de 20 céntimos por litro en combustible para o sector que inclúe gasóleo, gasolina, gas e adBlue, dos cales o Estado achegará 15 céntimos e as petroleiras un mínimo de 5 céntimos por litro.

DETENCIÓNS

Os doce días de paro do transporte saldáronse, na Comunidade galega, con 13 detidos e máis de 600 persoas identificadas. Ademais, as forzas e corpos de seguridade levaron a cabo máis de 3.300 escoltas.

Segundo informou a Delegación do Goberno, levaron a cabo, en concreto, 3.364 escoltas ata este xoves para asegurar a subministración por todo o territorio, de forma individual ou en convois, atendendo ás peticións que chegaron das empresas do sector do transporte, centros de distribución ou sectores produtivos de todo tipo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta