Piden que se contemplen outras violencias contra a muller fóra da parella tras o asasinato da muller de Barro

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama que se amplíe a normativa en materia de violencia de xénero para incorporar este tipo de violencia e acoso.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/03/2022 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) reclama que se amplíe a normativa en materia de violencia de xénero para incorporar outras violencias que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres sen que medie unha relación sentimental co agresor, tal e como se recolle no Convenio de Istambul.

Concentración de repulsa por 'o feminicidio' de Barro.
Concentración de repulsa por 'o feminicidio' de Barro.

Nun comunicado, lembra que o falecemento de Jéssica Méndez, en Barro (Pontevedra) nun accidente de tráfico investigado como homicidio doloso, "deixa ver unha importante falla do sistema", xa que foi provocado polo home que levaba acosándoa prolongadamente. "É dicir, resultaría ser un caso de violencia machista que debera contar coa asistencia especializada e a protección que se demostrou precisa, mais que non está contemplado na lexislación por non existir relación sentimental entre ambos os dous", indica.

"Este presunto homicidio conduce á reflexión sobre a necesidade de continuar sensibilizando ao redor do que é a violencia de xénero", engade ao tempo que destaca que demostra tamén o ineficaz de tentar volver a conceptos como violencia doméstica ou violencia intrafamiliar, que suporía un retroceso lexislativo, social e asistencial. "Obviaría o factor do xénero, que é determinante e que permite actuar de maneira específica e especializada sobre elas", afirma. Unha actuación que abrangue desde a sensibilización, a prevención, ata a intervención ou as medidas de reparación e asistenciais, entre elas a imprescindible atención psicolóxica.

O CONVENIO DE ISTAMBUL

O Convenio de Istambul, que ratificou o Goberno de España en 2014, e o Pacto de Estado contra a Violencia sobre a Muller, coinciden en que cómpre considerar violencia contra as mulleres todos os actos de violencia baseados no xénero.  Neste sentido, a institución lembra que a recollida estatística doutros feminicidios fóra da parella ou ex parella é determinante para poder artellar medidas de protección e asistenciais ás vítimas, que tamén é outra das obrigas derivadas tanto do Convenio de Istambul como do citado Pacto de Estado.

A lexislación galega (Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero)  xa incorporou importantes avances na cobertura doutro tipo de violencias, como a violencia vicaria (a que se exerce a través dos fillos e fillas perseguindo facerlle o maior dano posible á nai), a trata con fins de explotación sexual ou a violencia de xénero dixital. "Cómpre continuar traballando co obxectivo de que as institucións ofrezan a mellor resposta asistencial posible ás vítimas da violencia de xénero, á vez que previr e sensibilizar nas distintas violencias machistas, tamén desde as idades máis temperás", finaliza.

Este presunto homicidio conduce á reflexión sobre a necesidade de continuar sensibilizando ao redor do que é a violencia de xénero. Demostra tamén o ineficaz de tentar volver a conceptos como violencia doméstica ou violencia intrafamiliar, que suporía un retroceso lexislativo, social e asistencial, xa que obviaría o factor do xénero, que é determinante e que permite actuar de maneira específica e especializada sobre elas. Unha actuación que abrangue desde a sensibilización, a prevención, ata a intervención ou as medidas de reparación e asistenciais, entre elas a imprescindible atención psicolóxica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta