Por E.P. | A CORUÑA | 28/03/2022 | Actualizada ás 13:53
Un home acusado de simular, xunto ao seu pai e o seu irmán, o roubo de maquinaria forestal, e, no seu caso, de incendiar outra, negou ser o autor. Sobre os primeiros feitos, dixo que estaba de viaxe, en Burgos, e nos outros que estaba de festa. O seu pai e o seu irmán tamén defenden a súa inocencia motivo polo que o seu defensa expón a libre absolución fronte ás peticións de prisión que solicita Fiscalía. O xuízo comezou este luns na Audiencia da Coruña e coa petición dos avogados da defensa de nulidade de datos informáticos e imaxes obtidas polos investigadores.
Con posterioridade, procedeuse ás declaracións dos acusados que negan calquera implicación. "Estaba en Burgos, chamoume o meu irmán", dixo o procesado para o que se piden máis penas e que sostivo que así se decatou da subtracción da maquinaria. "Non prendín lume a ningunha", engadiu tamén sobre outra que estaría noutras leiras. "Estaba nunha festa", apostilou.
Os tres, segundo o escrito de cualificación fiscal, traballaban nunha empresa forestal, da que o pai era representante legal. Fiscalía sostén que, durante polo menos o ano 2014 dentro do marco de reivindicacións dalgúns maderistas, producíronse accións de protesta contra a empresa Ence, das que algunhas derivaron en actos vandálicos.
"Os acusados, conscientes desta situación de conflito, guiados polo ánimo de obter un ilícito enriquecemento, decidiron aparentar que nun monte, sito no partido xudicial de Arzúa e onde a súa empresa realizaba labores de talla de madeira para a empresa ENCE, foran obxecto dunha subtracción de maquinaria".
Así, sinala que un dos acusados e "quizá tamén os outros, pero en todo caso co acordo destes", levaron material "aparentando" que fora roubado. Tamén sostén que realizaron pintadas na cabina dun tractor con lemas contra Ence para "desviar a atención cara ao conflito". Posteriormente, un deles denunciou en Touro o roubo da maquinaria e o furto de gasoil.
Desta forma, engade, cobraron unha indemnización por importe de máis de 53.000 euros. Ademais, o Ministerio Público sostén que un dos irmáns prendeu, en datas posteriores, lume a diversa maquinaria en leiras de Boimorto, o que obrigou a actuar aos servizos de extinción. Por un delito de simulación de delito e estafa, Fiscalía pide penas de tres anos de prisión para cada un dos acusados. Por un delito de danos por incendio, pide para outro deles catro anos e dous meses de cárcere.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.