Decidirmos o futuro constitucional

As pasadas eleccións europeas, a reivindicación catalá do dereito a decidir (que semella podería continuar Euskadi) e máis a abdicación do Xefe do Estado amosan graves fendas nos tres alicerces do sistema institucional en crise: a Coroa, o bipartidismo dinástico e máis un determinado concepto da unidade de España que non recoñece a súa plurinacionalidade. Se a iso lle engadimos a desafección cidadá xerada pola corrupción enxergaremos a fondísima crise institucional que estamos a vivir.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 08/06/2014

Comparte esta noticia
Neste contexto, semella obrigado un proceso de mutación constitucional ou, polo menos, de fonda reforma da Carta Magna, para sentar os alicerces dunha anovada convivencia política e social. E, para estes efectos, a cuestión non é República española vs Monarquía ou República española vs. República galega, senón o dereito a decidir da cidadanía. Lembremos que só os maiores de 54 anos foron quén a votar unha Constitución na que a Coroa e a indisolúbel unidade da nación española foron o prezo para transacionar o recoñecemento das liberdades, o pluripartidismo e unha limitada descentralización política.
 
Velaí que a cidadanía teña que decidir non só sobre a cuestión da forma de Estado (monarquía vs república), senón sobre os demáis alicerces desta revisión ou remuda constituínte: a modernización das nosas institucións políticas e administrativas, a blindaxe do Estado do Benestar, a profundización do noso réxime de liberdades e a   autonomía real do Poder Xudicial. E, concretamente, a cidadanía galega haxa decidir tamén sobre a ampliación do  autogoberno, o grao de relación de Galicia co resto das nacións españolas e máis o seu encaixe, federal ou confederal, no Estado, preservando sempre o dereito a decidir da cidadanía galega.
 
Canto ás solucións xurídicas concretas, certo é que esta reforma constitucional  aprobaríase nun referendo, mais cumpriría artellar outras consultas previas para definir a vontade da cidadanía sobre estas grandes decisións constitucionais. Algunhas serían privativas de cada nacionalidade histórica e outras do conxunto da cidadanía do Estado.
    
A peor das solucións, de certo, sería teimar no inmobilismo amosado até de agora polo PP e PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.