Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 18:55
O Partido Galego critica que o PP e o seu futuro líder, Alberto Núñez Feijóo, "atenda cuestións internas do seu partido mentres os galegos estamos a abonarlle o salario e prevendas mediáticas".
Así o fixeron saber na celebración do último consello do Partido este sábado, 26 de marzo, no que ademais de escoller o ribeirense Moisés Domínguez Rodríguez como Coordinador da Área de Mocidade, repasaron as súas posicións políticas respecto da situación de crise que atravesa a sociedade. Desta maneira, o Partido Galego denuncia que os populares "non atenden" os grandes problemas actuais do día a día e que a Xunta "non adecuou a estrutura económica real do País á viabilidade dos sectores primario, secundario e terciario, por tanto calquera situación externa repercute na nosa economía".
Ante a "grave situación" na que se atopan sectores produtivos, entre os que destacan o agrogandeiro, a pesca, a industria ou o transporte, o Partido Galego pide aos gobernos "incentivar as enerxías alternativas para non ser dependentes de combustibles externos", promover que Galicia sexa "propietaria da electricidade que xera" e "activar estratexias para producir as materias primas e aplicar políticas agrarias onde prime a produción de cereais sobre a explotación agroforestal".
Fronte ás repercusións da guerra desatada por Rusia contra Ucraína, o Partido Galego apela á "política da paz, da negociación", pero, explican, "sen caer na inxenuidade, sabendo que ante un 'lobo' como é Putin, a política de ser doce, manso e pedidor de perdón só provoca neste tipo de personaxes máis soberbia e máis acoso sobre o adversario". Dende a formación tamén poñen o foco noutros "factores" que están mudando a nivel europeo e que, consideran, van "afectar de forma sistémica" en todos os eidos.
Piden, xa que logo, a reorientación de proxectos cara á soberanía enerxética e alimentaria e a "reconversión a todos os niveis da UE" para acadar "un papel determinante e autónomo, ao marxe da propia estrutura militar de defensa que representa a OTAN". O Partido Galego tamén fai fincapé en determinadas propostas medioambientais baseadas no principio da sustentabilidade, na economía circular, na teoría do decrecemento, na proposta dos impostos progresivos e na perspectiva ecolóxica nos plans forestais.
POBO SAHARAUÍ
No que respecta ao novo marco xeoestratéxico do norte de África, e tralo xiro do Goberno de España con respecto ao pobo saharauí, no PG sinalan o apoio da proposta recoñecida na ONU con respecto ao dereito de autodeterminación do pobo Saharauí e o rexeitamento ás manobras de Marrocos, que "usan miles de migrantes como arma de guerra" nas vallas de Ceuta e Melilla.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.