Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2022 | Actualizada ás 16:41
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este martes o espectáculo 'Inventio', unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago "como eixo vertebrador da identidade cultural galega".
A proposta --un proxecto da promotora Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación LaCaixa-- consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, pero tamén asume audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional.
Conta, ademais, coa colaboración de Sargadelos, que cedeu a sede da súa Fundación para a presentación do evento, no que participaron representantes de todas as entidades que o impulsan.
'Inventio' levará ao escenario a un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo que forman parte dun equipo de 40 persoas baixo a dirección do ilusionista galego Martín Varela --quen tamén interveu no acto de presentación-- e do dramaturgo José L. Prieto.
UNHA HISTORIA FUTURISTA
Representa unha historia futurista ambientada no ano 2094, o último Xacobeo do século, no que misteriosamente desaparece o Camiño e, con el, a identidade cultura galega.
A misión dos protagonistas é recuperar esas raíces, para o que percorrerán a todas as pegadas que deixou o Camiño na historia, nas lendas e na literatura a través dos séculos.
Alfonso Rueda chamou a atención sobre o feito de que a proposta non se basea, como é habitual, na tradición histórica do Camiño, senón que pon os ollos nas súas futuras pegadas, "avanzando que o fenómeno Xacobeo seguirá marcando a identidade cultural galega das próximas xeracións".
O vicepresidente primeiro defendeu que a aposta da Xunta por este espectáculo débese a que axuda a estender o Xacobeo e a marca Galicia como destino seguro e convida a camiñar a Galicia nun ano "especial" para a recuperación económica da comunidade da man do Ano Santo.
A XIRA ARRINCA EN SETEMBRO
O espectáculo arrincará en setembro en Ferrol e Santiago e logo percorrerá as demais cidades galegas, para continuar a xira por outras urbes de España e Portugal.
Aberto a públicos de todas as idades, achegará aos espectadores as pegadas do Camiño na cultura galega pero tamén a súa influencia ao longo da historia en autores como Cervantes, Cunqueiro, Valle-Inclán ou García Lorca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.