Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 13:15
A Policía Nacional desarticulou unha organización criminal dedicada á venda de estupefacentes por Internet, en especial de marihuana e haxix a nivel nacional e internacional. A operación policial, realizada en Madrid, saldouse con 14 detidos, dous deles en Galicia.
Nun comunicado a prensa, a policía explicou que, como parte da operación, desmanteláronse dúas plantacións de marihuana e interviñéronse diversas sustancias estupefacentes, ademais de diñeiro en efectivo e outros elementos relacionados cos feitos. A Policía comentou que a armazón estaba formado por 27 páxinas web xestionadas pola organización. Ademais, dispuñan dun stock clandestino con outras drogas que ofrecían unicamente por teléfono ou a través de contactos persoais.
Segundo recolle o comunicado, a investigación comezou cando os axentes tiveron coñecemento da existencia dunha páxina web desde a que se podía realizar a compra de marihuana e de haxix. Tras realizar as pescudas correspondentes, púidose corroborar que, en realidade, se trataba dunha armazón formada por case unha trintena de páxinas, controladas e xestionadas pola mesma organización criminal.
As vendas producíanse tanto en diversas zonas da xeografía española como a nivel internacional en países como Portugal, Italia, Francia, Reino Unido, Finlandia, Alemaña, Xapón e México. Os axentes procederon á localización e detención de 14 persoas, dúas delas en Galicia, como presuntos autores dos delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública e defraudación do fluído eléctrico, branqueo de capitais, usurpación do estado civil e falsidade documental.
Tres deles, segundo sinalou a Policía, os máximos responsables da organización, ingresaron en prisión. A investigación continúa aberta para esclarecer todos os feitos e non se descartan novas detencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.