Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 20:33
Facua-Consumidores en Acción denunciou a 146 hospitais, clínicas e centros sanitarios en España por non facilitar teléfonos gratuítos, entre os que se atopan unha decena de titularidade privada en Galicia.
Segundo a información solicitada por Facua en Galicia, as entidades que infrinxen a norma son: Hospital Quirónsalud A Coruña, Instituto Médico Cirúrxico San Rafael e Centro Médico Milenium (Sanitas) da Coruña; o Centro Médico Quirónsalud Ferrol, en Ferrol; o Hospital Quirónsalud Pontevedra e o Hospital Polusa, en Pontevedra; o Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo; o Hospital HM A Rosaleda en Santiago de Compostela; o Centro Médico A Carmen, en Ourense, e o Hospital Povisa, en Vigo.
Estas denuncias de Facua foron interpostas ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e ante a Dirección Xeral de Consumo do Ministerio de Alberto Garzón. A entidade de defensa dos consumidores realizou un estudo rastrexando as páxinas web de 150 prestadoras de servizos sanitarios das capitais de provincias, as dúas cidades autónomas, as dúas capitais de comunidade autónoma que non son capital de provincia (Mérida e Santiago de Compostela) e as catro cidades que teñen máis poboación que as capitais das súas provincias (Alxeciras, Xixón, Vigo e Jerez de la Frontera).
O estudo baséase en se cumpren a obrigación de facilitar teléfonos gratuítos e se o fan en todas as seccións onde publicitan as súas numeracións para a atención, tanto de clientes como de non clientes. Con base na información que as entidades facilitan nas súas webs, 146 incumpren a lei ao non ofrecer liña gratuíta algunha para a atención aos consumidores, facendo uso doutras liñas que supoñen un desembolso para o usuario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.