Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 31/03/2022 | Actualizada ás 20:35
O Pleno do Consello Regulador, reunido o pasado 30 de marzo, deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2021 e aprobou as contas para o novo exercicio. O orzamento para 2022 ascende a 757.897,76 euros.
Segundo sinalou o presidente do organismo regulador, José Luis García Pando, as accións de promoción, entre as que está a Feira do Viño, centrarán gran parte deste orzamento tendo unha previsión inicial de investimento duns 300.000 euros.
No que respecta a estas promocións, a máis importante e próxima será a recuperación da tradicional Feira do Viño de Valdeorras. Este ano desenvolverase con normalidade no mes de xullo logo de dúas edicións nas que tivo que cancelarse por mor da pandemia.
ACCIÓNS DE PROMOCIÓN DOS VIÑOS VALDEORRESES
A Coruña, Santiago de Compostela, Alicante, Madrid e Barcelona serán algunhas das cidades que acollan actos promocionais dos viños da comarca. Así, os brancos e tintos valdeorreses poderán degustarse, por exemplo, na Barcelona Wine Week e tamén no Salón Gourmets de Madrid.
Xunto a isto, os viños promocionaranse na London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis importantes do mundo, nun stand conxunto no que participará a D.O. Valdeorras xunto ao resto de territorios amparados de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.