Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 12:54
O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa no Congreso para rectificar o cambio de posición do Goberno sobre o Sahara Occidental e recuperar o apoio ao referendo de autodeterminación recollido en diversas resolucións da ONU. O Pleno da Cámara votará o vindeiro martes unha iniciativa similar impulsada por Unidas Podemos, ERC e Bildu.
Para Rego, é necesario que Pedro Sánchez rectifique a aposta polo plan marroquí de autonomía e que volva "ao consenso social" e ao respecto de resolucións de Nacións Unidas, pero tamén quere que se dirixa ao Goberno de Marrocos para esixirlle o respecto aos dereitos humanos do pobo saharauí. Ao seu xuízo, a carta de Sánchez sitúa a España "á marxe das resolucións da ONU e dos esforzos por verificar o referendo de autodeterminación previsto por este organismo internacional para resolver o conflito".
Ademais, entende que España deixou de ser neutral para situarse con Marrocos neste contencioso, co que "se fai inviable o papel activo de mediación que debería ter para chegar canto antes a unha solución pacífica pola vía dos acordos e resolucións das Nacións Unidas".
"Se o Goberno non rectifica, esta sería a segunda ocasión en que o Estado español deixa abandonado á súa sorte ao pobo saharauí, despois de permitir en 1975 a invasión marroquí e aceptar a división do territorio entre Marrocos e Mauritania no Acordo Tripartito de Madrid de novembro daquel ano" subliña o deputado do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.