Por Europa Press / Redacción | Ourense | 01/04/2022 | Actualizada ás 19:22
O pleno de Ourense volveu a vivir unha xornada de polémica e enfrontamento entre o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e os grupos da oposición, que abandonaron a sesión despois de que a concelleira non adscrita e exmembro de Democracia Ourensá María Dibuja fose expulsada.
A pesar da saída dos edís de PSdeG, BNG, Cs e os non adscritos --excepto o ex concelleiro Laureano Bermejo--, a sesión puido continuar, xa que a permanencia de DO e PP, sumada á de Bermejo, mantivo o quórum necesario para poder celebrar o pleno. En todo caso, a sesión durou menos do previsto, xa que a maioría de iniciativas que quedaban por debater eran dos grupos ausentes.
Todo este episodio estivo motivado pola expulsión da sesión de María Dibuja, unha das concelleiras que abandonou Democracia Ourensá tras a denuncia contra Jácome. Para a oposición, a orde do alcalde non estaba motivada, polo que decidiron saír do pleno.
O motivo esgrimido por Jácome para tomar esta decisión foi que Dibujaa estaba "a vociferar constantemente" desde o seu asento no Auditorio Municipal. Ambos protagonizaran antes un enfrontamento verbal a conta dun debate sobre as asignacións económicas aos grupos. A proposta levada a pleno polo propio alcalde pretendía recuperar os 90.000 euros que percibía DO antes da saída dos catro concelleiros non adscritos, entre eles Dibuja.
A proposición fora levada a un pleno con anterioridade, en concreto ao do pasado mes de novembro, pero alí o Partido Popular pedira a retirada da orde do día por non consideralo "o momento oportuno para o seu debate". Finalmente, o apoio do PP permitiu que saíse adiante, polo que o partido de Jácome recuperará con efectos retroactivos desde xaneiro de 2021 estas contías económicas. En total, 270.000 euros.
Tras a votación, Dibuja iniciou a defensa dunha iniciativa sobre cambio climático cunha alusión directa ao alcalde, ao que felicitou por "levar 90.000 euros máis dos cidadáns". A continuación, produciuse a lea que derivou a expulsión do pleno da edil non adscrita.
CRÍTICAS DOS GRUPOS
Despois isto, o pleno continuou co debate dunha moción do Partido Socialista para homenaxear ao escritor Carlos Casares con motivo do 20 aniversario do seu falecemento. A iniciativa aprobouse por unanimidade aínda que as quendas de palabras empregáronse para criticar a actitude do rexedor, trasladando que non había motivo para a expulsión da concelleira.
Así pois, quedáronse na sala o tres edís de Democracia Ourensá xunto co rexedor municipal, ow cinco concelleiros do PP e o non adscrito, ex de Cs, Laureano Bermejo, pero como a maior parte das mocións eran de grupos non presentes no auditorio non puideron tratase.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.