Piden "frear" a lei de montes veciñais fronte ao "espolio" da industria madeireira

Mancomuneiros esixen que a nova lei recoñeza os montes veciñais como unha "titularidade distinta e en pé de igualdade con públicas e privadas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/04/2022 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidade de Montes (Orgaccmm), demandou aos concellos galegos e a toda a cidadanía o seu apoio para "frear a nova lei de montes veciñais" e que o Parlamento aprobe unha "verdadeira lei" que protexa a titularidade comunal de montes fronte ao "espolio" da industria madeireira que "se fará co monte veciñal".

Monte comunal
Monte comunal | Fonte: ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES.

A organización asegurou que esta iniciativa vén motivada "pola présa" que ten o PP para eliminar "o carácter xermánico" dos montes veciñais en mancomún como paso previo para proceder a "a súa privatización masiva".

Así, as comunidades de montes denunciaron que a Consellería do Medio Rural incumpriu " o compromiso" alcanzado no último Consello forestal no que se aprobou o procedemento de participación cidadá e no que a Consellería se comprometeu a elaborar con estas propostas un borrador a debater no propio Consello forestal e que posteriormente se debatería antes de levalo ao Parlamento galego.

Agora, a Organización Galega de Comunidade de Montes denunciou que o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciase na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 31 de marzo, que a futura lei de montes veciñais en mancomún será presentada na Cámara galega polo grupo do Partido Popular "saltándose todo o proceso de participación sectorial" e "ninguneando" a asociación.

Ante esta situación, a Orgaccmm acusou o PP de querer aprobar "pola vía rápida" unha lei que cumpre "os peores prognósticos" denunciados pola asociación, xa que consideran que abriría a porta á "expropiación ou alleamento" dos montes veciñais porque poderían perder a súa condición de "comunal e intransferible".

"O ESPOLIO ESTÁ SERVIDO"

Así mesmo, as comunidades de montes alertaron de que se esta lei sae adiante, "o espolio está servido" e a industria madeireira "farase co monte veciñal" e perderanse "a silvicultura sustentable e o monte multifuncional", que "defenden e practican as comunidades de montes galegas".

O presidente de Orgaccmm, Xosé Pereira, acusou a Xunta de querer que os montes veciñais perdan o seu carácter de "propiedade xermánica" e poidan ser "expoliados pola industria madeireira".

Por iso, suxeriu á Consellería que una das modificacións da futura lei de montes veciñais en mancomún debería ser o recoñecemento dos montes veciñais como unha "titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas".

RECOLLIDA DE FIRMAS

As comunidades de montes galegas chaman a mobilizarse aos comuneiros e á sociedade galega para "frear o roubo dos montes veciñais en mancomún que pretende perpetrar o Partido Popular".

Neste sentido, iniciaron unha campaña de recollida de firmas para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular exposta pola organización para que o Parlamento galego aprobe unha "verdadeira lei de montes veciñais" que protexa a súa titularidade comunal e fomente "o aproveitamento sustentable e multifuncional" que xestionan os veciños comuneiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta