Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2022 | Actualizada ás 12:41
A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo 8 de abril (incluído) o prazo de solicitude de matrícula nas escolas infantís públicas autonómicas. As nais e pais poderán formalizar a solicitude ao longo de toda esta semana nalgunha das máis de 10.000 prazas dos centros que forman parte da rede autonómica.
Ademais, as familias non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos no próximo curso, que será o primeiro no que esta será 100% gratuíta para todas as nenas e nenos de 0 a tres anos.
Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Política Social sinala que o Goberno galego destina este ano máis de 30 millóns de euros para que máis de 30.000 familias sexan beneficiadas desta medida pioneira. Grazas a ela, a Xunta indicou que as nais e pais poderán aforrar uns 1.900 euros ao ano que poderán destinar a outros gastos.
Toda a información sobre os trámites a seguir para solicitar praza, os requisitos e documentación necesaria e os formularios correspondentes están dispoñibles tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 16 de marzo como na páxina web da Consellería Política Social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.