Por E.P. | Pontevedra | 08/04/2022 | Actualizada ás 18:43
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou este venres no acto institucional polo Día das Artes Galegas organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, onde celebrou que todas as homenaxes que se están realizando durante este ano en honra a Laxeiro estanse a converter "nun xusto recoñecemento que consagra unha das traxectorias artísticas máis impresionantes da creación galega de todos os tempos".
O titular de Cultura da Xunta agradeceu a todas as entidades e institucións que, en colaboración coa Administración galega, participan na programación conmemorativa con actividades que están a dar máis visibilidade e proxección ás súas obras. "Trátase dun excelente traballo de memoria que indaga naqueles aspectos menos frecuentes do seu traballo e que axuda a inaugurar novas investigacións sobre a súa produción", engadiu.
Neste sentido, fixo referencia ás propostas expositivas, académicas e didácticas que se están a desenvolver este ano, entre as que destacou a exposición itinerante que pode visitarse xa en Lalín cunha trintena de pezas da súa madurez, e que viaxará despois a Madrid, Santiago e París.
"Neste 2022 debemos lograr que a pegada de Laxeiro chegue o máis lonxe posible, tanto en Galicia como en España e en Europa", resumiu.
A esta mostra súmanse diferentes actividades, como a celebración dun simposio en Santiago de Compostela e na Coruña e tamén se buscará promover o legado do artista entre os máis novos con material divulgativo e didáctico. Ademais, haberá propostas no campo audiovisual, coa estrea do documental 'O meu veciño Laxeiro', que repasará o seu percorrido vital e artístico por Lalín, Vigo e o seu vínculo con Arxentina. ?
O acto deste venres é a actividade central de toda esta programación, na que se rende homenaxe ao autor na súa vila natal, Lalín. Concluíu coa interpretación Banda de Música de Lalín, que interpretou a peza 'Pintor Laxeiro', composta por José Luís Represas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.