Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 08:00
"A idea de que imos ter un aeroxenerador ao carón da casa resúltame moi triste. Non queremos criar os nosos fillos debaixo das aspas dun eólico. Non é o legado que debemos deixarlles". Anna-Marie Thomson vive na aldea de Lanzá, no concello coruñés de Mesía, nunha casa que está restaurando xunto á súa parella e crianzas. Non hai moito, enterouse de que a promotora Enel Green Power proxecta un eólico de 200 metros de altura a tan só 456 metros do núcleo rural no que habita. Trátase dun dos 25 aeroxeradores dos que consta o parque Brancellao, que está planificado sobre os concellos de Boimorto, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral.
O Brancellao, xunto ao parque eólico Caíño, con 33 aeroxeradores situados ao longo de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz, provocaron nestas últimas semanas unha gran mobilización en todas estas comarcas, onde a poboación chegou a recoller un total de 5.000 alegacións durante a exposición pública destes proxectos. Colocados na pa dun tractor, estes escritos foron quen abriron paso á marcha contra o "espolio eólico" impulsada pola plataforma Aire Limpo Mariñas-Mandeo xunto con outras asociacións o pasado sábado, 2 de abril, en Curtis.
OS PARQUES EÓLICOS NON SON SÓ AEROXERADORES
A falta dunha comunicación transparente e accesible por parte das empresas promotoras, é o traballo das plataformas sobre o terreo e o boca a boca da veciñanza o que fai que cada vez máis persoas se saiban afectadas directas por estes proxectos. E é que os parques eólicos non son só os propios aeroxeradores, senón que traen consigo todo unha serie de infraestruturas que se "meten" literalmente entre as casas.
"Pola nosa aldea", explica Anna, "teñen que ampliar as pistas para que poidan pasar uns camións enormes con aspas de 70 metros e demais material, e ao carón delas proxectan unha liña de media tensión subterránea que cruza totalmente a aldea". Pasan tan preto das casas que Anna coñece veciñanza á que poderían levarlle por diante parte das instalacións da granxa, e á que lles piden temporalmente terreos para gardar material. "Estaremos cruzados por obras dun lado a outro, serán meses e meses de construción nas que entrarán nas túas parcelas", denuncia esta veciña.
O Caíño e Brancellao, en tramitación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, súmanse a unha ampla lista de parques que "encaixan como pezas de puzle" sobre o territorio: Abrente, Legre, Gasalla, Solpor, Monte Inxerio, As Encrobas, Meirama e Monte Xalo. Jessica Rey, que forma parte do colectivo Salvemos a comarca de Ordes e leva ás costas centos de charlas informativas á veciñanza, indica que estes parques virán acompañados de, polo menos, dúas novas subestacións colectoras - nós enerxéticos - e liñas de alta tensión que son compartidas por todos eles, dado que se ben se presentan de forma fragmentada para facilitar a súa autorización ambiental, funcionan como un só macroparque.
Así, a estrutura dun proxecto eólico componse dos macroeólicos de 200 metros, xunto con liñas eléctricas soterradas que unen un aeroxerador con outro, liñas aéreas de alta tensión, camiños "coma autopistas" que poden alcanzar os dez metros de ancho e, nalgúns casos, subestacións eléctricas. En concreto sobre as liñas, Jessica Rey di é "difícil" facer o seu seguimento debido a que se presentan por tramos e en proxectos separados dos parques eólicos.
ALDEAS CONVERTIDAS EN ZONAS INDUSTRIAIS
Ademais destes elementos físicos, Rey sinala outro abstracto pero non menos importante: a poligonal eólica. "Trátase da área que os promotores entenden que van precisar para o desenvolvemento do parque eólico e a súa posible futura ampliación. Son tan grandes que quedan dentro aldeas enteiras que, sen comelo nin bebelo, nin recibir compensación ningunha, se atopan nunha área de desenvolvemento industrial".
Que consecuencias ten isto? "Directísimas", prosegue Rey. "No día de mañá, se queres construir unha casa ou unha granxa, ademais de pedir permisos urbanísticos, tes que asegurarte de que non contraveña o interese da eólica, que ten un poder superior ao teu e pode promover ampliacións de forma moito máis axilizada porque xa gañaron no seu momento esa área poligonal". Na práctica, explica, supón que as multinacionais enerxéticas están "gañando dereitos" sobre o territorio. "Nun radio de tres quilómetros, só por estar preto do eólico, a túa finca desvalorízase, sen que haxa ningún tipo de compensación económica por parte da empresa por esta carga".
"NON QUEREMOS VIVIR ASÍ"
Anna recoñece que se o proxecto que afecta á súa aldea vai adiante - polo momento o parque eólico Brancellao conta cun informe desfavorable da Xunta de Galicia -, pásalle pola cabeza a idea de marchar. "Estamos atados pola granxa e para nós sería bastante complicado, pero coa crise que xa temos enriba, se ningún fillo segue con ela, si que o planeamos á hora de xubilarnos", sinala. "Non queremos vivir así". Con todo, esta veciña expón, precisamente, a problemática engadida da desvalorización dos terreos. "Quen mercaría esta casa ao lado dun eólico? Isto vai xerar un problema de despoboamento, porque non incentiva que a xente habite no rural", comenta.
Esta veciña está, ademais, dobremente afectada por este proxecto eólico, e é que noutra zona próxima ao parque atópase a súa explotación gandeira familiar. "Poñen un eólico pegado á nosa parcela onde levamos os animais pacer, así que non imos poder utilizala", indica Anna, que argumenta os efectos negativos tamén para o propio gando: "Está recoñecido que altera o seu comportamento e a produción do leite".
Para ela, a implantación "masiva" de parques eólicos tan preto das casas e das explotacións agrogandeiras súmase a unha "invasión de eucaliptos" que camiña no sentido oposto á "lóxica". "Máis ca nunca coa guerra ucraína, sabemos que nos fan falta estes terreos para producir as nosas propias colleitas para nós e para o gando; non podemos depender tanto do que vén de fóra", di Anna, que se recoñece tamén preocupada polos efectos que pode supoñer o soterramento das liñas de media tensión pola terra na que fan vida. "O ruído dos aeroxeradores será constante e sabemos que afectan os ecosistemas. Iso terá un impacto en cadea que se verá reflectido mesmo nas nosas propias hortas e árbores froiteiras", prosegue.
"XOGAN CO DESCOÑECEMENTO DA XENTE"
As compensacións económicas non contemplan todos estes danos colaterais que sufrirá a veciñanza. Segundo explica Rey, as promotoras ofrecen un pago único se expropian terreo para ampliar estradas ou se cae un pé da liña de alta tensión nunha finca. No caso de que proxecten a contrución dun aeroxerador, os alugueres alónganse tipicamente por 30 anos con dereito a prórroga, e acórdanse, en casos, mediante preacordos "cheos de cláusulas falsas ou enganosas", sinala Rey.
"Preacordos que en realidade son contratos, e onde non se especifica cando vai empezar o cobro ou que pasa á fin do contrato. En moitos proxectos fálase de fase de abandono, non de fase de desmontaxe e recollida. Se deixa de interesarlles, quen vai repoñer o uso inicial desa finca? Que vai facer a veciñanza con zapatas de 20 metros de profundidade e autopistas feitas?", pregúntase Rey, que recomenda consultar cun avogado antes de "comprometer, polo menos, 30 anos das túas propiedades".
Destes "enganos" saben ben en Aranga, outro concello sobre o que se proxectan seis parques eólicos que conforman, en conxunto, o "macroparque do Gato", cun total de 40 muíños que rodean o val nun radio de seis quilómetros. "Eses muíños", ademais, "van unidos entre eles por liñas de media tensión soterrada e liñas de alta tensión que tamén rodean a aldea. Crúzannos por todos os lados", explica Aranza González, veterinaria, secretaria do monte en mancomún da parroquia de Fervenzas, e unha das portavoces do colectivo veciñal afectado.
A finais do 2020, a empresa Greenalia ofreceulles colocar uns cantos eólicos no Monte Gato. "Pensabamos que nos tocara a lotaría!", di. "Empezamos a negociar con eles crendo que eran aeroxerados de 50 ou 60 metros, pero logo comezaron a saír no BOE e decatámonos de que medían 200 metros e que traían un montón de liñas de alta tensión", explica Aranza, que pon o foco, sobre todo, na "dimensión tremenda" desta nova eólica. Precisamente foron estas liñas as que levantaron as alarmas da veciñanza. "Era moi sangrante, porque ameazaban á xente con expropiar. Nalgúns casos intentaban falar cos señores maiores cando as fillas non estaban na casa", asegura.
A raíz dunha noticia en prensa decatáronse do engano. "O proxecto que a nós nos ofreceran nin sequera estaba exposto cando xa nos venderan a moto de que estaría funcionando no 2021". Ao tempo, outros proxectos descoñecidos xa aparecían en exposición pública. Segundo explica Aranza, as empresas pequenas, máis alá dos catro "magnates" - Endesa, Naturgy, Repsol e Iberdrola - buscan avais a través das firmas da veciñanza "porque precisan capital". "Se van ao banco e presentan proxectos con esas sinaturas, teñen moitas máis posibilidades de financiación; e estas empresas parten da nada. Galenergy, por exemplo, só ten 9.000 euros de capital social e afirma que investirá 150 millóns en parques eólicos nesta zona. Constrúen castelos no aire", denuncia.
"FÁLTALLES O TERRITORIO, QUE É DA XENTE"
Aranza loita, sobre todo, contra a resignación que pode invadir a veciñanza ante o poder de grandes empresas enerxéticas. "O gran truco de todo isto é a desinformación e o engano, que pode levar a pensar que está todo o bacallau cortado, pero o territorio hoxe está en mans da xente, que é o que lles falta a eles. Así que a decisión é nosa", explica. E un "non" da veciñanza "faríalles moi difícil sacar adiante o proxecto eólico", engade Rey, posto que as expropiacións só poderían executarse se o parque pasa a declararse de utilidade pública. Cousa, iso si, que "hoxe en día acontece con varios proxectos, que teñen a porta aberta no contexto da transición enerxética", sinala Rey, que tamén alerta das "estratexias" das empresas para combater unha posible negativa da veciñanza ás súas propostas: "Ofrecer máis diñeiro do que darían na expropiación".
Ante esta realidade, Jessica Rey denuncia unha "clara disposición política e estratexia empresarial para que non ocurra unha verdadeira e xusta transición enerxética", e aposta, no sentido contrario, por unha produción de enerxía "a escala humana", a través de cooperativas con participación veciñal que permitisen o autoabastecemento das comunidades rurais. "É unha utopía", recoñece. "As megaempresas están aproveitando a urxencia planetaria de abandonar o carbón para facernos vítimas doutro negocio: búscannos no mapa porque saben que aquí sacarán moito rendemento para vender nos mellores mercados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.