Aprobados os orzamentos do Concello da Coruña, con máis de 300 millóns de euros

Saiu adiante cos apoios do Goberno e a abstención do BNG e unha concelleira non adscrita.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O pleno da Coruña aprobou, de forma definitiva, o seu orzamento para este ano, que chega ata os 310 millóns de euros. Incluídos os entes e empresas municipais, os recursos ascenden a algo máis de 335 millóns. Así o remarcou o portavoz do goberno local e concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, en relación a unhas contas que supoñen un 19% máis respecto dos últimos presupostos en vigor.

As mesmas, resultado dos acordos entre o goberno local e a Marea Atlántica, saíron adiante cos votos en contra do PP e a abstención do BNG e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo e nunha sesión na que se rexeitaron todas as emendas dos populares.

O portavoz do goberno local, José Manuel Lage, subliñou que se trata dun orzamento centrado "na prioridade económica e a política social" e destacou, entre outras partidas, o aumento en case dous millóns das destinadas a Servizos Sociais, que ascenden a algo máis de 27,5 millóns. A iso, sumou os 9,2 millóns para o tecido asociativo ou o nove millóns para promover vivenda pública.

"Un orzamento para axudar á cidade a engalar", dixo nun pleno no que o PP cuestionou que non se tivesen en conta as súas emendas, destinadas a entidades na súa maioría, ou que non se aceptase "eliminar o convenio de 30.000 euros a UGT" para destinalo, engadiu, "ao Banco de Alimentos". "Un caso de amiguismo", expuxo Galego, ao que Lage replicoulle que era "rastreiro" tentar facer uso "político" desta cuestión, rexeitando os seus argumentos.

A portavoz da Marea Atlántica, María García, afirmou que agora a alcaldesa, Inés Rey, "non ten escusa para acender todos os motores da xestión municipal" e instou o goberno local a traballar para atender "as necesidades da xente". O portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, sostivo que non eran unhas contas "cribles" e considerou que están feitas en "chave electoral" ao apuntar a uns "ingresos inflados". A concelleira non adscrita Isabel Faraldo destacou, mentres, as partidas en materia de vivenda.

Pleno municipal da Coruña. ANDY PEREZ
Pleno municipal da Coruña. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta