Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 15/04/2022 | Actualizada ás 15:58
Membros do PPdeG da Coruña como o secretario provincial, Evaristo Ben, e a portavoz local, Rosa Gallego, publicaron este venres nas súas redes sociais mensaxes de respaldo ao actual vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, como sucesor de Alberto Núñez Feijóo.
"Ante novos retos e novo escenario político, Galicia necesita manter a unidade e a estabilidade que lle deu o PPdeG durante os últimos anos. Estou convencido de que Alfonso Rueda será capaz de facelo. Unidade, unidade e unidade!! Gañar, gañar e gañar para Seguir por Galicia", escribiu Ben.
Rosa Gallego, pola súa banda, defendeu a "unidade, xestión e estabilidade". "O momento esíxeo e #Galicia sempre o valorou. O PP de Galicia sábeo e Alfonso Rueda ten experiencia. Confío nel e sei que contará cos mellores. Todo o meu apoio", comentaba.
Estas mensaxes súmanse aos xa publicados por outros militantes e dirixentes do PPdeG, que este xoves mostraban o seu apoio en redes sociais a Alfonso Rueda. Entre os pesos populares que xa fixeron público o seu respaldo están a líder do PP vigués, Marta Fernández-Tapias, o responsable dos populares pontevedreses, Rafa Domínguez, a tamén senadora, pero por Ourense, Carmen Leyte, o alcalde de Lalín, José Crespo ou a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.