Carlos Taibo inaugura a XXXVIII Semana Galega de Filosofía cunha charla sobre a situación de Ucraína

Celébrase en Pontevedra baixo o lema 'Filosofía e Contrahexemonías'.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/04/2022 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O politólogo galego Carlos Taibo inaugurou este luns a XXXVIII Edición da Semana Galega de Filosofía, que se celebra en Pontevedra baixo o lema 'Filosofía e Contrahexemonías', cunha charla sobre a situación de Ucraína. Ao acto de inauguración, que contou coa presenza do actual presidente da aula Castelao, Alexandre Cendón, asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen mostrou a alegría da cidade por acoller un ano máis este evento.

Carlos Taibo
Carlos Taibo | Fonte: UNIA Flickr.

"É unha sorte que levemos repetindo moitos anos comprobar que a primavera pontevedresa tamén trae consigo un espazo de sabedoría, análise e reflexión como o que hoxe empeza. A aula Castelao é e será un dos nosos principais socios culturais, capaz de achegar propostas de pensadores/as de todo o mundo aos que doutro xeito teriamos difícil acceso", destacou o alcalde, que agradeceu o "facer de Pontevedra un punto importante no mapa do pensamento ao longo de tantos anos".

O rexedor, que destacou a recuperación da modalidade 100% presencial, destacou que a temática deste ano dá na "diana da actualidade" ao pór o ollo en conceptos como o imperialismo, o capitalismo, entre outros. "E non o fai só desde a xeneralidade, ten unha mirada desde Galicia para Galicia e así quedará demostrado na sesión que temos por diante", apuntou.

Pola súa banda, a integrante da aula Ana Regueira foi a encargada de dar paso ao relator Carlos Taibo, "profesor titular de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, partidario do movemento antiglobalización, do decrecemento, da democracia directa e do arnarquismo". Membro do consello da editorial Sin Permiso desde a súa fundación en 2006, ten publicados artigos en varios medios e é autor de máis de 30 libros relativos ás transicións en Europa central.

Ao comezo da súa intervención, Taibo puxo en antecedentes a actual situación, que considera como froito de tensións entre Ucraína e Rusia ao longo dos anos, coas potencias occidentais na trastenda e sinalando a parte de culpa que teñen na mesma Estados Unidos, a Unión Europea e a propia OTAN.

"Non hai ningunha xustificación para a intervención militar. Na nosa cabeza debe de estar antes de nada o sufrimento das persoas civís, pero tamén dos propios soldados", sinalou Taibo, que asegurou estar en contra das guerras.

Ademais, entre outras cuestións, sostivo que "o Putin que hoxe se coñece é, en certa medida, o produto da prepotencia e da ignominia dos gobernantes norteamericanos daquel momento que pensaron que non tiñan que premiar en forma algunha a colaboración activa e mesmo a submisión da Federación Rusa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta