Por E.P. | A CORUÑA | 19/04/2022 | Actualizada ás 18:15
O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Ciencia e Innovación, o Real Decreto polo que se regula a concesión de 12,34 millóns de euros en subvencións a Galicia para financiar a posta en marcha dun Plan Complementario de I+D+i na área de biodiversidade.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou esta decisión como "un recoñecemento á calidade da investigación que se fai en Galicia e unha aposta polos centros de I+D na materia que traballan na Comunidade".
Os Plans Complementarios son, explica a Delegación do Goberno, "unha nova ferramenta para impulsar programas de investigación en áreas estratéxicas, cogobernados e cofinanciados entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e as comunidades autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia".
Neste sentido, Galicia achegará 10,66 millóns de euros a estes Plans Complementarios de investigación, "que permitirán establecer colaboracións entre as administracións ante retos crave do noso país, respondendo así os criterios da Unión Europea para a aplicación de medidas transformadoras para a nosa economía".
O obxectivo deste plan é deter, precisa a Delegación do Goberno, a crise de biodiversidade e impulsar a mitigación e adaptación dos sistemas naturais ao cambio climático. Para iso, este programa está enfocado ao desenvolvemento de solucións centradas na natureza, que teñan en conta como inciden nela as actividades antrópicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.