O proceso da abdicación, activado pola decisión súpeta do seu pai, o rei dimisionario, non deu enchido de monárquicos nin as rúas do traxecto real nin a propria Praza de Oriente, malia o carácter feirado do día na capital do Estado. O comezo do reinado de Felipe VI, por outra banda, veu sinalado por decisións de excepcionalidade (prohibición de concentracións, prohibición do uso da bandeira republicana) abertamente inconstitucionais.
Poucas veces coma nesta fomos quen de albiscar o poder real de determinadas elites, hoxe vencelladas ás empresas do IBEX 35 e, por vez primeira, á propiedade dos principais grupos mediáticos madrileños e das principais TV privadas estatais. Porque é evidente que foi Rajoy e non Felipe VI quen marcou os contidos da mensaxe real e os tempos dos actos de proclamación. Mais Rajoy, canda Rubalcaba, actuou como intérprete do Sanedrín que axiña enfriou a pulsión de cambio que latexaba e mesmo latexa en sectores importantes da base social do PP e do PSOE. As elites financeiras e mediáticas madrileñas queren, como moito, moi pequenos retoques. Mesmo até semellan refugar de reformas lampedusianas. Por eles non haberá nin reformas institucionais cosméticas.
Deste xeito, o Xefe do Estado introduciu tres agradecementos en galego, catalán e euskera, cousa que nunca foi quén de facer o seu pai. Mais introducíunos ao fío das ideas de “unidade e non uniformidade” e “linguas rexionais que son unha riqueza para todos”. Ideas que pertencen á realidade da España preconstitucional e que son impropias para definir a percepción dun Xefe de Estado da nosa xeración a respecto das nacionalidades.
Como tamén foi impropia a apelación á súa xeración-que tamén é a miña- para reactivar un suposto rexeneracionismo que non se albiscou noutras partes da mensaxe real, fóra de xenéricas apelacións á honestidade.
Máis do mesmo. Iso si, contado dende a máis absoluta unanimidade dos grandes “media” madrileños. Dende hai algúns meses, noutros casos xa anos, directamente controlados polas elites financeiras da España cañí.