Os maios volven a Verín en formato presencial

O Concello de Verín presenta un amplo abano de actividades para o 30 de abril e o 1 de maio na Alameda e na Praza García Barbón, respectivamente. Ademais dun acto conmemorativo, o sábado 30, o domingo 1 está programada a celebración dos Maios, a V Feira Solidaria e unha andaina en beneficio da Cruz Vermella.

Por X.M. Fernández | Verín | 26/04/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Segundo confirmou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, o sábado 30 de abril terá lugar na Praza García Barbón un emotivo acto conmemorativo con motivo do centenario do nacemento de Enrique Gómez Pato. En palabras de Somoza: "Para esta merecida homenaxe, dous recoñecidos verineses prepararon un evento moi especial coa finalidade de inmortalizar a figura deste 'poeta esquecido': O ebanista Gerardo Fernández esculpiu un busto, e o escritor Edelmiro Mateo escribiu o libro, editado polo Concello de Verín, 'O poeta  esquecido - in memoriam do Pato'; ambas as obras serán presentadas ás 20:30 horas na Praza Maior".

Emila Somoza na presentación dos Maios 2022. Foto: Prensa Concello de Verín.
Emila Somoza na presentación dos Maios 2022. Foto: Prensa Concello de Verín.

O domingo 1 de maio, desde as 11:00 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polos diferentes colectivos e asociacións participantes. A mesma hora estarán á venda tamén as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 2 euros e o diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento do programa da UNICEF “Emerxencia na Ucraína”. Máis tarde, ás 13:00 h., terá lugar na Alameda o tradicional concerto da Banda de Música do Conservatorio de Verín.

Durante a programación dos festexos, e até primeira hora da tarde, haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

ANTECEDENTES DA FESTA DOS MAIOS EN VERÍN

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gómez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e anos máis tarde a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado.

No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

V FEIRA SOLIDARIA E ANDAINA

A Praza García Barbón acollerá este evento que organiza o Concello de Verín o vindeiro domingo 1 de maio. Trátase dunha actividade que, entre os seus obxectivos, poñer en valor as entidades sen ánimo de lucro da vila do Támega. Este ano o concello fíxolles chegar unha invitación formal á participación a todas as asociacións rexistradas no concello.

Outros obxectivos desta Feira Solidaria son dar a coñecer e ofrecer información dos servizos que ofrecen as entidades participantes, conseguir apoio económico e promover a creación dun marco de cooperación común entre elas. O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10:00 a 20:00 horas .

Ás 10:00 horas, terá lugar no marco desta celebración unha Andaina Solidaria organizada polo Concello de Verín e o Clube Sendeiristas de Monterrei, en beneficio de Cruz Vermella Monterrei. O percorrido será de 10 quilómetros e comezará na Pousa (Centro Social do Clube Sendeirista Monterrei). As inscricións,  que terán un prezo de 5 euros (importe que irá destinado integramente a AECC), poderán adquirirse en Ferretería Lucas (rúa Galicia, 6.) até o 29 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta