Por Galicia Confidencial | Outes | 26/04/2022 | Actualizada ás 21:00
A cebola e ceboliño de San Cosme volve coller pulo. O Concello de Outes está levando a cabo varias actividades para a promoción deste produto da terra, de moita sona en toda a comarca. Orixinario da parroquia de Outes, esta ceboliña ten o seu punto álxido na feira do 25 de abril, o San Marcos de Noia, que é cando comeza a venda e distribución máis importante para todas as hortas da contorna.
A promoción da cebola e ceboliño de San Cosme enmárcase dentro do proxecto “Saberes e Sabores de Outes”, no que o concello leva varios meses traballando, e no que se estuda a situación actual do sector primario máis vinculado á agricultura e granxas extensivas, así como á tradición dos artesáns e artesás, co fin de propoñer diversas estratexias de promoción e dinamización.
"O obxectivo final deste estudo é o de establecer unha serie de estratexias reais e factibles que favorezan o desenvolvemento sostible a nivel económico, social e cultural dos veciños e veciñas do Concello de Outes, promovendo a economía circular e o traballo en rede, sempre desde un punto de vista respetuoso e de protección do medio e dos seus recursos", indican desde o concello.
Por iso, as estratexias que se están levando a cabo consisten en identificar produtos propios e novos produtos da zona de Outes que sexan susceptibles de promocionarse a nivel económico e como específicos do concello, definir acións de promoción e comercialización e un plan formativo e promover redes de colaboración e desenvolvemento colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.