Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/01/2025 | Actualizada ás 21:55
Galicia sempre foi e segue a ser terra de vacas. Ben é certo que o sector primario, debido principalmente ao abandono do rural e ao envellecemento da poboación, está a perder peso na nosa economía, pero aínda con todo o número de vacas non baixa tan aceleradamente como o fai a poboación destes lugares. Pola contra, o que si decreceu moito nos últimos anos foi o número de explotacións que acollen esas vacas. Temos así como resultado unha maior concentración de animais nun menor número de granxas. Granxas que poden traballar con centos e miles de vacas sen ter que contratar a moitos traballadores, porque llo permiten os últimos avances tecnolóxicos no sector. Así, as granxas familiares, as de toda a vida, vense imposibilitadas para competir con estas grandes granxas nas que todo está industrializado. E o que parecía non ser un problema, está a selo, porque cada ano pechan a porta máis granxas pequenas e seguen chegando grandes empresas que monopolizan o mercado. Dende o Galicia Confidencial falamos con Román Santalla, secretario de Gandaría da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), que nos conta cal é a realidade actual en Galicia.
"Actualmente, en Galicia, o 95 ou 96 % das granxas que hai aínda son granxas familiares, e o mesmo no resto de España", asegura Santalla. A pregunta é: ata cando poderá ser isto así? Ata cando poderán competir estas pequenas explotacións coa chegada de grandes empresas que monopolizan a produción? Pois UPA está loitando por evitar que as macrogranxas desboten ás pequenas da ecuación. "Cando falamos de macrogranxas, no tocante ás vacas de leite, estamos falando de proxectos como o que querían crear en Noviercas, na provincia de Soria: unha granxa de 24.000 vacas", explica este gandeiro. Afortunadamente, despois de varias reunións co ministro e de moita presión por parte do sector, "conseguimos sacar adiante un decreto que impide este tipo de macrogranxas: o decreto de ordenación das explotacións bovinas, polo cal se fixa un máximo de animais que no caso do gando bovino está fixado en 850 cabezas, o equivalente a 725 vacas de muxidura". Algo que dende o seu punto de vista segue a ser moito, "pero nalgo tiñamos que ceder e, polo menos, conseguimos que non saíse adiante esa macrogranxa de Oviercas".
No caso de Galicia, asegura que hoxe en día "son moi poucas as granxas que superan as 800 cabezas de vacas leiteiras, creo que unicamente unha". Con todo, considera que "tope temos que poñerlle, porque coa chegada deste modelo desestabilízase o tradicional", xa bastante desestabilizado debido "ao abandono masivo de explotacións familiares, moi pequenas algunhas e outras xa de tamaño medio, nas que non hai sucesión, porque os fillos dos gandeiros ou ben non queren traballar na granxa ou xa emprederon outra forma de gañarse a vida tras estudar unha carreira, ou mesmo, en moitos casos, ven que a granxa xa non lles resulta rentable". Para Santalla, "a impresión é que nunca se fixo nada por frear a fuxida masiva de explotacións e creo que habería que contemplar un sistema especial e específico de protección sobre as pequenas e medianas granxas, que inclúa unha orientación clara da súa producción, porque non hai unha política clara que oriente a un modelo galego de granxas familiares e pequenas que, por outra banda, fan un papel extraordinario e insalvable no campo xerando emprego e evitando a despoboación rural". Neste senso, apunta a casos como os das produccións ecolóxicas, que permiten aos gandeiros gañarse mellor a vida aínda tendo unha producción máis baixa.
"TER QUE BOTAR MAN DUN SERVIZO BÁSICO PARA ATENDER AS NECESIDADES DUNHA EXPLOTACIÓN HOXE EN DÍA É MOI DIFÍCIL E MOI CARO"
Con todo, o problema actual xa non está só na ganancia que se pode sacar da produción, senón tamén nos custes da mesma. "Os custes disparáronse todos", asegura Santalla, que apunta, como exemplo, ao custe dos servizos, "absolutamente insufrible". A que se debe? Dende o seu punto de vista, a que "no seu momento houbo un éxodo rural que fixo que os fillos de moitas familias marchasen do campo e, cando os seus pais e avós se xubilaron, perdéronse moitos negocios, de maneira que no rural agora mesmo hai pouquísima man de obra". Que acontece con isto? Como explica este gandeiro, que "cando alguén precisa botar man dun taller, dun fontaneiro, dun electricista ou de calquera outro servizo básico para poder atender ás necesidades que ten unha explotación, é moi difícil e moi caro conseguilo". Moi difícil porque non queda oferta destes servizos nas zonas rurais e moi caro porque os poucos que quedan están moi demandados. O resultado, como exemplifica, é que "se unha granxa pequena ten que levar hoxe o tractor a arranxar porque lle rompeu o motor, non é quen de salir dese gasto, porque os custes están tan disparados que arranxar o motor a un tractor pode irse aos 6.000, 7.000 ou 8.000 euros, algo que, para unha explotación pequena, non é fácil xerar".
E é que "a marxe de beneficio é moi baixa", o que fai que "as producións a pequena escala de produtos de mercado convencionais, xa sexa leite ou carne, deixen de ser rentables, porque o custe da vida disparouse moito e, sen embargo, os prezos, aínda que agora están mellor do que estiveron nunca, non subiron como para facer fronte ao moito que se dispararon os custes", explica Santalla. Este podería ser un dos motivos polos que moitas explotacións carecen de relevo xeracional, pois os mozos non ven nelas unha rendibilidade que compense o traballo. Aínda que, para o secretario de Gandaría de UPA, "eu creo que hoxe en día os mozos priman a calidade de vida e o tempo libre, e iso é algo que neste sector non hai, o que ten unha granxa ten que adicarlle tempo, e nin sequera pode deixar de prestarlle atención tendo traballadores". "Os gandeiros, xa sexan de vacas, de porcos ou de polos, ao igual que os agricultores, sabemos ben que a estas cousas hai que adicarlles tempo, senón non funcionan", asegura Santalla.
A este respecto, considera que son dous os factores que decantan a balanza e levan aos mozos a fuxir destas profesións: "un é o económico, que non cabe dúbida de que é un factor importante; pero outro, e eu diría que o fundamental hoxe en día, é o tempo, a falta de tempo e a mala calidade de vida que supón para un mozo ter que estar pendente da granxa os 365 días do ano durante as 24 horas do día". "Non se está pagando o suficiente como para que iso lles compense", reflexiona Santalla, que expón, fronte a isto, os avances que se están a lograr en todos os outros sectores, como por exemplo, a actual loita pola redución da xornada laboral ata as 37,5 horas semanais. "Os nosos mozos ven iso e como van querer traballar no campo? O ter tempo libre non hai cartos que llo paguen", asevera este gandeiro, que considera que "os mozos de hoxe en día son pragmáticos, non miran o que van ter mañá, miran o presente, e o presente pasa por ter tempo libre para poder desfrutar da vida".
"NON QUEREMOS UNHA GRANXA DE 24.000 VACAS NA ZONA, SENÓN QUE QUEREMOS 1.000 GRANXAS PARA ESAS 24.000 VACAS"
Aínda con todo o xa comentado, o secretario de Gandaría de UPA tamén amosa a parte positiva do sector na actualidade: "Actualmente as cousas van moderadamente ben, e iso tamén hai que dicilo, porque tivemos momentos no pasado nos que non sei como puidemos sobrevivir, como cando o leite en Galicia estaba a 30, 29, 28 e mesmo 22 céntimos". Na súa opinión, as penurias e a falta de man de obra no sector que se sofren hoxe teñen a súa orixe neses momentos. "Iso foi o que fixo que a día de hoxe a xente se plante, porque tivo que pasar anos enteiros traballando para ter que facer fronte a unha débeda en cada porta, algo que aínda están pagando hoxe", lamenta Santalla. Cando cambiaron as cousas para mellor? Este gandeiro ve o antes e o despois "na lei da cadea alimentaria, que revalorizou moito os prezos no campo e estabilizounos". A isto suma o feito de que, "aínda que para nós o fundamental segue a ser o mercado interno, nos últimos anos tamén nos abrimos cara novos mercados como Marrocos, nos que se está operando moi ben, o que xerou un momento de certa estabilidade nos prezos que aspiramos a que no ano 2025, se non mellora, como mínimo se manteña".
Unha vez logrado iso, o seguinte paso para Santalla sería, sen lugar a dúbidas, frear as macrogranxas. Polo de agora xa lograron sacar adiante ese decreto que fixa o tope de cabezas de gando bovino nas 850, e no caso do gando porcino tamén conseguiron con anterioridade que non se poidan crear granxas con máis de 10.000 animais. Así, este gandeiro chama a seguir avanzando nesa liña, porque "a tendencia sempre adoita ser a que cada un faga o que queira e dende a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros consideramos que se precisa deses plans de ordenación das explotacións gandeiras", porque "nós non queremos unha granxa de 24.000 vacas na zona, senón que queremos 1.000 granxas para esas 24.000 vacas, repartindo máis o traballo". Por iso, cre que "temos que seguir loitando por consolidar un modelo familiar no sector da alimentación, sostible e asentado no territorio", pois "o modelo de macrogranxa hoxe está asentado aquí e mañá, se non lle interesa, pecha e vai para outro lado, mentres que o modelo familiar está vinculado indisolublemente ao territorio".
Por iso, dende UPA están traballando nunha proposta de lei de agricultura e gandaría familiar, para lograr "un modelo claro que pasa, irreversiblemente, por poñer teito ao tamaño das granxas, pola reordenación territorial para situar as granxas nos lugares axeitados e por políticas de apoio económico e axudas da Política Agraria Común (PAC), dando máis apoios aos que menos teñen e aos que máis fan polo territorio, que sempre son os negocios familiares, tanto en termos de emprego como de sustentabilidade e ocupación do territorio". E é que para Santalla as granxas familiares forman parte da cultura de Galicia e do noso patrimonio. "Sacámolas de debaixo das casas, algo que xa forma parte da nosa historia, pero agora seguen estando a tiro de pedra da vivenda do gandeiro, porque os animais precisan moita proximidade, xa que requiren estar pendentes deles permanentemente, para coidalos e para atendelos se se poñen enfermos", apunta o gandeiro, que asegura que "non coñezo a ningún pequeno gandeiro que fixese a súa granxa a 10 quilómetros da casa", o que evidencia, unha vez máis, a ocupación e aproveitamente do territorio destes modelos de granxas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.