Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/01/2025 | Actualizada ás 19:10
O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que as axudas publicadas pola Xunta o pasado 30 de decembro para a Ribeira Sacra "discriminan" a pequenos viticultores en favor dos que contan con grandes extensións de terreo. Nun comunicado, o Sindicato Labrego acusa o Goberno galego de querer "pechar en falso" a crise da Ribeira Sacra sen medidas coherentes, á vez que reclama a convocatoria dunha mesa de traballo con todos os axentes implicados.
E é que tacha de actitude "antidemocrática" por parte da Consellería do Medio Rural a negativa a convocar unha mesa de traballo aberta a todas as partes tras a crise de excedentes na vendima de 2024 que levou á maior parte das adegas a non comprar uva a pequenos e medianos produtores. De feito, sostén que existe un "castigo" da Xunta ao SLG por "seguir mobilizándose" cos viticultores da zona, posto que "anulou a reunión xa comprometida" co Sindicato Labrego, unido a encontros "baleiros" de contido con outras organizacións.
"Queda claro que se prometeron solucións para desconvocar as mobilizacións do sector que nunca chegaron, e a comezos xa doutro ano séguese sen tratar de maneira integral e democrática, con interlocucións con todas as organizacións do sector, un plan completo para a crise do sector, con solucións xa para a campaña 2025 e de futuro". "Preguntámoslle á Consellería de Medio Rural: que vai pasar coas persoas viticultoras ás que non lles vai a recoller a uva de novo neste 2025?", cuestiona a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.