Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 10:52
O Diario Oficial de Galicia publica este martes a ampliación, ata os 4,7 millóns de euros, das axudas extraordinarias dirixidas aos titulares de negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano, co obxectivo de poder atender todas as peticións que cumpran cos requisitos previstos na orde publicada o pasado febreiro.
A Conselleria de Emprego e Igualdade engade 1,2 millóns á partida inicial de 3,5 millóns, co obxectivo de compensar as perdas destes establecementos ocasionados polo peche opcional proposto polas autoridades sanitarias o pasado Fin de Ano para evitar a propagación do coronavirus.
Nun comunicado remitido aos medios, o departamento autonómico explica que a extensión do orzamento non afecta os prazos nin ás solicitudes xa realizadas, que seguirán o seu curso ordinario e recibirán, de cumprir cos requisitos, os pagos das axudas directas que lles correspondan.
A Consellería de Emprego precisou que, a día de hoxe, recibiron axudas un total de 479 empresas. A Xunta prevé superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festa e de concertos. Os apoios fináncianse con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.