Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 12:15
O gas substituíu parcialmente o carbón na xeración eléctrica en Galicia durante os últimos anos. Isto fixo que a central de ciclo combinado a gas das Pontes (Endesa) pasase a ser en 2021 a segunda instalación industrial do país con maiores emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático, expón a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón'.
Segundo datos da Comisión Europea, só as fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa en San Cibrao superaron as 800.000 toneladas emitidas pola central de gas fósil das Pontes o ano pasado, ao atinxiren conxuntamente perto de 1.100.000 toneladas. Esta cifra baixará en 2022 e 2023, anos en que só se manterá activa a fábrica de alúmina e se interromperá a produción na de aluminio.
Entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia. A central de Sabón pasou de emitir 31.400 toneladas de GEI en 2018 a 642.000 en 2021, de maneira que, segundo indica a plataforma, multiplicou por 20 o seu impacto no clima.
A que foi ata 2018 unha das maiores fábricas de crise climática de Europa, a central de carbón das Pontes (Endesa), resultou ser no 2021 a quinta industria galega con emisións máis altas. Malia a súa actividade rexistrar un mínimo histórico en 2021, lanzou á atmosfera 521.000 toneladas de GEI. En 2018, o ano previo ao inicio do colapso do carbón na xeración eléctrica, emitiu 7.940.000, 15 veces máis. Endesa prevé desconectar esta central de carbón, situada ao carón da de gas fósil que tamén posúe nas Pontes, no próximo mes de xuño.
"CÓMPRE PRESCINDIR DO GAS FÓSIL CANTO ANTES"
"A queima do gas fósil, tamén chamado gas natural, xera menos emisións de GEI que a do carbón. Porén, tamén é un combustible fósil do que cómpre prescindirmos canto antes", expón 'Galiza, un futuro sen carbón', que engade que "agrava a crise climática, encarece a factura enerxética e xera dependencia externa". De feito, cualifica de "despropósito" a pretensión de Bruxelas de incluír o gas na súa lista de investimentos sustentables.
Entre 2018 e 2021 a forte diminución da produción das centrais de carbón foi compensada en parte polas centrais de gas fósil de Sabón e As Pontes, abastecidas a través da regasificadora de Reganosa. "Nun escenario de baixo crecemento da potencia renovable, o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo galego e das exportacións, inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade", alertan dende a plataforma.
Así, a caída da produción das centrais de carbón das Pontes e Meirama, xunto co decrecemento da economía, provocaron unha importante redución das emisións totais de GEI de Galicia. En 2020 ascenderon a 18,6 millóns de toneladas, un 35,9% menos que en 1990, segundo os datos oficiais máis recentes.
A pesar do incremento da actividade das centrais de gas fósil, as emisións conxuntas de gases causantes de cambio climático das centrais térmicas (carbón máis gas) baixaron en 2021 con respecto ao ano anterior, de 2,4 millóns de toneladas a case 2. Isto supón que as emisións das centrais térmicas en 2021 foron un 86% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2021 superouse amplamente o "cativo obxectivo" da Xunta para 2030 (-54,3%) e ficou máis próximo o proposto para 2050 (-98%).
Desde a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' aseguran que "o gas non pode ser o novo carbón e as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes non poden converterse nos novos elefantes na habitación que ninguén parece ver". Ante isto, consideran necesario o peche das centrais de ciclo combinado de gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que reduza as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.