CC.OO. esixe protección para as mulleres embarazadas traballadoras do servizo de axuda a domicilio da Xunta

Trátase dunha campaña reúne tres propostas que integran o control do papel das mutuas, a vixilancia das condicións de traballo e novos protocolos sobre pasos a seguir por mutuas e empresas cando unha traballadora está embarazada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras (CC.OO.) presentou unha campaña para protexer a maternidade no sector da axuda a domicilio, na que denuncia que a Xunta non cumpre co que marca a lei de prevención de riscos laborais ao negarlles a miles de traballadoras a cobertura á que teñen dereito.

Na sede sindical en Santiago, participaron a secretaria de Emprego e Política Social de CC.OO, Maica Bouza; a secretaria xeral de CC.OO-Hábitat, Alejandra Xesto; e a secretaria de Política Social de CC.OO-Hábitat, Carmen Villar.

Bouza explicou que a axuda a domicilio é o servizo de dependencia "máis demandado" de Galicia, que reúne a uns 10.000 traballadores, dos cales uns 9.000 son mulleres. Trátase dun 31,9% do total de empregados no servizo de dependencia, un dato "moi por encima" da media española neste sector (18,9%).

Ademais, indicou que o obxectivo é implicar a empresas, mutuas e administracións nunha "protección eficaz" en materia de seguridade e saúde para as mulleres traballadoras embarazadas.

Para iso, a campaña reúne tres propostas que integran o control do papel das mutuas, a vixilancia das condicións de traballo e novos protocolos sobre pasos a seguir por mutuas e empresas cando unha traballadora está embarazada.

UN MILLÓN DE EUROS MENOS DO LICITADO

Alejandra Xesto foi a encargada de achegar datos de licitación do sector. Durante 2021, explicou que foron licitados 23 expedientes cunha duración media de dous anos e catro meses.

Xesto indicou que o importe da licitación xeral é de máis de 41 millóns de euros, pero explicou que o importe de adxudicación foi dun millón menos. Isto supón unha "precarización" do sector da axuda ao fogar, avisa. Ademais, advirte de que esta rebaixa das adxudicacións equivalería a 74 postos de traballo de auxiliares do fogar.

ACCIDENTES DOMÉSTICOS E POSTURAS FORZOSAS, OS PRINCIPAIS RISCOS

Carmen Villar comentou os principais riscos das traballadoras embarazadas. Os perigos están relacionados con accidentes domésticos (golpes, queimaduras, cortes...) e con posicións e posturas forzosas que Villar cualifica de "delito".

Ademais, afirmou que a Lei de prevención "non existe" no sector xa que non existen avaliacións individualizadas do posto de traballo pola privacidade dos domicilios. Isto provoca que os certificados das mutuas sexan unha "basta mentira para saír do paso".

Por último, Villar criticou a falta de criterios homoxéneos nas mutuas para conceder as baixas por risco de embarazo. A sindicalista defende que se concedan con 12 semanas de embarazado, como recomenda o Instituto Nacional de Seguridade Social, fronte ás 24 semanas da guía SEGO.

Presentación da campaña para protexer a maternidade no sector da axuda a domicilio na sede de CC.OO.
Presentación da campaña para protexer a maternidade no sector da axuda a domicilio na sede de CC.OO. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta