Oito asasinados polos fascistas en 1936 serán "dignificados e inhumados" en Guitiriz

Será o 8 de maio, no cemiterio de Santa Mariña Lagostelle.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/04/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

A Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo levará a cabo o vindeiro domingo, 8 de maio, no cemiterio de Santa Mariña Lagostelle, no concello lucense de Guitiriz, a "dignificación e inhumación" de oito represaliados asasinados polos fascistas en outubro de 1936, cuxos nomes apareceron nunha nota no interior de botellas, "sendo visible o de Edmundo Peinado Ponte".

Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo
Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo | Fonte: ARDF DESAPARECIDOS.

A asociación explicou que no acto se lerá poesía e lírica creadas para o evento e amenizarase co grupo musical Os Valuros.

Así mesmo, sinalan que "non haberá risas nin tristeza, pero si alegría por dignificar e inhumar demócratas republicanos que deron as súas vidas pola liberdade ante os xenocidas fascistas".

A Asociación reivindica todas aquelas persoas ás que "lles foron arrebatadas as súas vidas innecesariamente, sen escusa algunha" e defende que "deben ser recompostas de maneira inmediata e dignificadas como lles corresponde". "Que ninguén quede sen terra, que ninguén quede sen nome", remarcan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta