Empresarios de Galicia apostan por "menos burocracia" na eólica terrestre e marítima

Así o trasladou en Ferrol o presidente da patronal autonómica, Juan Manuel Vieites.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 02/05/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, mostrou este luns o apoio desta entidade á implantación da eólica terrestre e marítima, esta última "polas súas magníficas posibilidades como motor da transición enerxética". "Todo iso equilibrado coas normativas sobre a conservación da natureza e da biodiversidade, que se pode facer e compatibilizar ambas as cousas e causando o mínimo impacto nos ecosistemas mariños e na pesca", dixo.

Así o expresou durante a visita que realizou á sede da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), nunha xornada de traballo "para coñecer as necesidades destes empresarios e para apoiar a reindustrialización destas comarcas", detallou. No encontro, estivo acompañado, entre outros, do presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e do seu homólogo en COFER, Cristóbal Dobarro.

No acto, Veites reclamou, de forma xenérica, "seguridade xurídica e menos burocracia para poder acometer investimentos", denunciado que "segundo un estudo da CEOE, polo momento só un de cada catro euros dos fondos Next Generation chegaron aos empresarios". No ámbito das comunicacións, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia tamén reclamou melloras no ferrocarril.

NAVAL

"Ferrol é vital para o conxunto de Galicia", dixo Vieites, que apelou á "oportunidade única do PERTE do Naval" como "panca para impulsar a economía da comarca", destacando "o proxecto estratéxico para a reindustrialización desta zona como é a construción das cinco fragatas F-110 en Navantia Ferrol".

Finalmente, Juan Manuel Vieites referiuse a a "transcendencia de concluír canto antes a ligazón ferroviaria co porto exterior de Ferrol" coa vista posta en "alcanzar unha infraestrutura de primeiro nivel, conectada cos grandes corredores de mercadorías de Europa".

Pola súa banda, Antonio Fontela centrou boa parte do seu discurso na petición de melloras nas conexións ferroviarias coa Coruña. "Para que as boas perspectivas existentes se convirtan en realidades, é necesario mellorar as infraestruturas existentes dando cumprimento a históricas demandas como as melloras das conexións ferroviarias A Coruña-Ferrol, tanto en transporte de mercadorías como en viaxeiros, así como o reforzo das políticas de apoio á industria", dixo.

Dobarrol, Vieites e Fontenla en Ferrol.
Dobarrol, Vieites e Fontenla en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta