Por Europa Press / Redacción | MADRID | 05/05/2022 | Actualizada ás 11:53
Un estudo liderado pola Unidade de Inmunodeficiencias Primarias do Hospital Universitario de Bellvitge (HUB) e o Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (IDIBELL) indica que as vacinas fronte ao SARS-CoV-2 son seguras e eficaces na maioría de pacientes con inmunodeficiencia.
Tal e como lembran os investigadores, aínda que as vacinas están a ser moi efectivas nas persoas cun sistema inmunitario competente, aínda non está ben establecida a resposta que poden ter as persoas con inmunosupresión.
Así, o artigo, publicado na revista 'Frontiers in Immunology' mostra que tres de cada catro persoas que presentan un defecto grave do sistema inmunitario chamado inmunodeficiencia común variable producen anticorpos e xeran unha resposta correcta das células inmunitarias coa vacinación.
Por outra banda, a metade das persoas que por causas médicas toman medicación que reduce o número de células B, as células produtoras de anticorpos, non xeran unha resposta de anticorpos adecuada despois da vacinación por SARS-CoV -2, pero si mostran unha resposta celular protectora en case todos os casos. Por tanto, a pesar da aparente falta de resposta protectora de anticorpos, estes individuos tamén se benefician da protección que confiren estas vacinas a través da resposta celular.
O doutor Xavier Solanich, investigador principal do IDIBELL e especialista do Servizo de Medicina Interna do Hospital de Bellvitge, apunta que a eficacia destas vacinas en persoas con defectos inmunitarios é inferior á da poboación sa, pero "segue sendo moi elevada" e, por tanto, é unha medida de prevención "imprescindible" para este colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.