Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 13:38
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes os Rías Baixas Fest, as sete citas musicais que terán lugar entre xuño e setembro na provincia. O acto de presentación concibiuse como un espectáculo televisivo, nun vistoso estudio habilitado baixo o gran magnolio dos xardíns do Pazo Provincial, con público, proxección de vídeo e actuacións musicais a cargo de Carolina Rubirosa que representará a Galicia este venres no festival Liet de Dinamarca, a "Eurovisión das linguas minorizadas" co tema 'O teu camiñar'.
En está presentación participaron representantes da organización do PortAmérica (en Portas e Caldas de Reis, do 2 ao 4 de xuño), Atlantic Fest (en Vilagarcía, do 15 ao 17 de xullo), Vive Nigrán (en Nigrán, do 15 ao 17 de xullo), Sen Sal Son Estrela Galicia (na Illa de San Simón, Redondela, os días 23 e 24 de xullo), Sonrrías Baixas (en Bueu, do 4 ao 6 de agosto), O Marisquiño (en Vigo, do 12 ao 14 de agosto) e o Revenidas (en Vilaxóan, Vilagarcía do 7 ao 11 de setembro) e dos gobernos locais dos concellos onde se desenvolven estes festivais.
Como portavoces de todos os organizadores destes eventos musicais tomaron a palabra Jordi Lauren (Sorrías Baixas) e Ana Sanromán (Port América) que resaltaron que Rías Baixas Fest representa unha marca "plenamente consolidada" con sete citas "imprescindibles" coa mellor música, lecer, deporte e unha gastronomía de excelencia.
Artistas consagrados e bandas emerxentes actúan en paraxes extraordinarias para ofrecere "unha alternativa cultural comprometida coa igualdade, a sustentabilidade, o equilibrio territorial e a dinamización económica".
"VIVIR CON ILUSIÓN"
"Vimos de moito desasosego pero debemos volver vivir con ilusión, estamos a desexar reabrir as portas", destacou Jordi Lauren, quen avanzou que teñen estes eventos "un futuro prometedor". Pola súa banda, Ana Sanromán engadiu que hai "moitas razóns para vir a esta provincia" e moitas delas están representadas nestes festivais como unha illa máxica, unha carballeira, catro vilas mariñeiras ou a maior cidade de Galicia. Son contornas privilexiadas que conxugan a natureza coa esencia mariñeira deste territorio, sinalou.
Polo seu lado, a presidenta da Deputación de Pontevedra insistiu en que é necesaria "moita alegría, e nada como a Cultura para gozar da boa vida". Respecto diso, Carmela Silva destacou que "este proxecto é unha envexa internacional" e recomendou á cidadanía "que apure para poder formar parte desta gran experiencia e dos valores cos que está comprometida".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.