A deconstrución da Xustiza

A axenda que está a desenvolver Ruiz-Gallardón dende o Ministerio de Xustiza constitúe a total comprobación de que as decisións do PP teñen unha fonda carga ideolóxica, mesmo moitas veces contraria aos intereses da maioría dos seus militantes e votantes.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/07/2014

Comparte esta noticia
 No caso da administración de xustiza, a implantación das abusivas taxas ten afastado claramente á cidadanía do exercicio das accións xudiciais. Apelar unha sentenza custa un mínimo de 800 € e recorrer unha multa un mínimo de 350 €. Os beneficiarios da xustiza gratuíta non pagan taxas, mais a aplicación da normativa vixente fai cada vez máis díficil obter este beneficio. Os bancos e as grandes corporacións son as grandes beneficiarias, non só porque haberá máis medios para os seus preitos, senón porque afastar a xustiza do cidadán fai que se demande menos en reclamación da nulidade das cláusulas adoito, comisións bancarias, tarifas enerxéticas e, en xeral, abusos en materia de consumo.
 
Por outra banda, a proposta de nova regulación do Poder Xudicial tenta calar xuices e maxistrados e mesmo cuestiona a súa independencia. E a concentración de todos os Xulgados e  Tribunais nas capitais provinciais afonda nese pretendido afastamento da xustiza do cidadán, en clara avantaxe para os grandes bufetes de avogados. Porque a este Goberno e a este Ministro moléstanlle os profesionais liberais, o mesmo ca os xuices independentes.
 
No caso de Galicia, a Xunta ten investido nos últimos 15 anos 50 M€ en sedes xudiciais. Os xulgados das vilas, canda a notaría, o Rexistro da Propiedade ou a oficina comarcal da Xunta, fan parte esencial deses servizos comarcais que vertebran o territorio. Xa que logo, suprimir os partidos xudiciais non só reduce a calidade do servizo público da xustiza, senón que manca as posibilidades de desenvolvemento social e económico das nosas vilas. A provincia no noso País non pinta nada e compre pensar en suprimila na primeira oportunidade que se teña.
 
Demostra este proceso que a planta e demarcación xudicial, canda as grandes decisións no eido da administración de xustiza, son abondo importantes como para llelas deixar ao coidado dos de Madrid. Galicia habería ter moi axiña competencias xudiciais plenas para amañarmos estas trapalladas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.