Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 18:07
A alianza entre as universidades galegas de Santiago (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo) e as portuguesas de Minho, Porto e Trás-os-montes- e Alto Douro permitirá a implantación de catro novas titulacións conxuntas --dous másteres e dous programas de doutoramento-- no curso 2022-2023.
No marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF), comezará o máster universitario en Dereito Transnacional da Empresa e dss Tecnoloxías Dixitais e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, coordinados os dous por parte da USC.
Ademais, créase o máster en Desafíos das Cidades e o programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. Formarán parte do programa conxunto que ofrecen as universidades públicas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. "A educación universitaria do futuro ten como elementos cruciais a internacionalización e a multidisciplinariedade", explica este proxecto.
NOVA DIRECCIÓN DA POLITÉCNICA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA
Noutra orde de cousas, a USC informou este xoves de que a profesora da área de Produción Vexetal Rosa Romero Franco accede á dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Terá como retos fortalecer a actual oferta de titulacións que se imparten e potenciar a súa proxección para outorgar unha maior visibilidade, con atención ao I+D e a internacionalización.
Os profesores Alberte Castro, Carlos Núñez, Emilio Carral, en calidade de subdirectores, e María José Iniesto, como secretaria académica, completan a candidatura gañadora, que recibiu 73 dos 105 sufraxios emitidos na xornada de votación do xoves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.