A metade do alumnado LGBT+ escoita insultos homófobos no colexio

Máis de catro de cada cinco mozos e mozas trans autolesionouse, do mesmo xeito que tres de cada cinco persoas lesbianas, gais e bisexuais cis. Este 17 de maio é o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A orientación sexual distinta á da maioría continúa sen aceptarse con normalidade en moitos colexios. Segundo un estudo de Stonewall, a organización benéfica para a igualdade de persoas lesbianas, gais, bisexuais e transxénero (LGBT) do Reino Unido, a metade do alumnado LGBT escoitan insultos homófobos "con frecuencia" ou "a miúdo" na escola, algo que, en opinión da comunidade experta, é preocupante por ser un reflexo do que está a suceder na sociedade.

Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press
Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press

"Pódese ouvir un 'maricón' nun patio de colexio sen que o destinatario definira aínda a súa orientación sexual. E séguese dicindo de forma intencionada en idades adolescentes en canto se observan condutas que poden suxerir unha orientación homosexual", indica Sylvie Pérez, profesora dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da UOC. "Evidentemente, pode ter consecuencias negativas na medida que o adxectivo se asimila a un atributo ou condición negativa da persoa. O que están a recibir é que todo aquilo relacionado coa homosexualidade é negativo e despreciable", engade.

Entre as consecuencias negativas deses insultos, poden chegar a atoparse dificultades en relación coa saúde mental. Como explica Adrián Montesano, profesor dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da UOC, "escoitar estes insultos a curto prazo pode ter como consecuencia a experiencia de exclusión, de marxinalización e de estigmatización con respecto ao seu grupo de iguais, e iso é algo que xera un malestar significativo".

Máis a longo prazo, hai outra consecuencia mesmo máis grave: a interiorización da homofobia. "Nese sentido, xa non é necesario o estímulo de fóra, o rexeitamento, senón que se incorpora como un relato máis co que un mesmo convive, o que pode levar a outros problemas á hora de aceptar a orientación sexual: como se desenvolve a identidade persoal, dilemas internos en relación coa saída do armario en diferentes grupos sociais, familia...", indica.

Unha mostra diso é que, segundo o citado estudo, máis de catro de cada cinco persoas novas trans autolesionáronse, do mesmo xeito que tres de cada cinco persoas lesbianas, gais e bisexuais, algo que a comunidade experta relaciona cun sentido de autodesprecio que se xera tras un rexeitamento da contorna. "Non é estraño que isto pase cando os discursos sociais heteronormativos oprimen a liberdade individual e a diversidade na expresión sexual e de xénero", explica Montesano.

MENOS LGBTFOBIA NO FUTURO

A pesar desta realidade, os expertos cren que se están dando pasos para que a diversidade se abrace con normalidade desde a infancia. E así o reflicten os datos. O estudo de Stonewall sinala que hai dez anos a proporción de alumnado LGBT que escoitaba insultos homófobos no colexio era maior: en 2012, eran sete de cada dez escolares quen se atopaban nesta situación.

En opinión do profesor da UOC, agora estamos nun momento de multiplicidade de relatos, algúns máis inclusivos e outros máis heteronormativos ou discriminatorios. "Hoxe en día vivimos máis que nunca nun multiverso e nun multidiscurso, con ambas as polaridades incluídas". Cada vez hai máis modelos na sociedade de éxito profesional e persoal de persoas que se declaran abertamente LGTBI. Pero, sobre todo, é importante o papel do profesorado nas escolas, clave para evitar situacións discriminatorias.

E tamén desde a casa poden combaterse as reaccións homófobas, a través da xeraración espazos de comunicación naturais e adecuados a cada idade. "O importante é visibilizar e lexitimar calquera forma de amar posible hoxe día, que son moitas. Nunca antes na historia houbo tantas formas socialmente visibilizadas posibles de amarse", lembra Montesano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta