Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 23/05/2022 | Actualizada ás 18:13
Unha áncora lítica, previsiblemente da época romana, segundo fontes do consistorio, foi recuperada este luns do mar, na Coruña, e desembarcada na zona de Oza. Desde o Concello, indicaron que hai tempo foron localizadas no mar, fronte á praia do Matadoiro, dúas antigas áncoras líticas, probablemente de época romana, "a 30 metros unha da outra, polo que se supón que pertencen a unha mesma embarcación".
"Hoxe as condicións do mar permitiron acudir cunha embarcación a extraelas", apuntaron. Unha delas, duns 250 quilos de peso, foi sacada do mar e desembarcada en Oza. Agora será tratada para a súa conservación durante un mes e a intención do consistorio, unha vez documentada e analizada, é poder exhibila no Castelo de San Antón.
Sobre a outra ancora, aseguraron que se atopaba moi cuberta pola area, polo que indicaron que "haberá que agardar unha nova oportunidade para extraela".
É a primeira vez que na Coruña se extraen áncoras deste tipo, aínda que achados parecidos producíronse no sur de Galicia. "Pero no norte é moito máis excepcional, de aí o seu interese", apostilaron fontes municipais.
Respecto das áncoras, manifestaron tamén que as localizou hai tempo un mergullador afeccionado, Miguel Ángel Domínguez Losada, que foi quen deu aviso do achado ao concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.