Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 17:21
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou este martes ao equipo de 'Honeymoon', a nova longametraxe do realizador galego Enrique Otero, que encara a recta final da rodaxe en Galicia.
En concreto, estes días o equipo grava no set instalado na urbanización A Palloza, en Teo, unha das localizacións da área compostelá onde se está desenvolvendo a filmación, tras o seu paso por Ourense, Culleredo, Arteixo, O Grove e Santiago de Compostela ao longo de seis semanas de traballo en Galicia.
A Xunta contribúe a este novo título do audiovisual galego cunha achega de máis de 230.000 euros á compañía ControlZ, produtora do filme xunto a AccaMedia, a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de 2019.
O orzamento total da cinta sitúase por riba dos 750.000 euros e esta subvención implica, así mesmo, que o seu gasto en bens e servizos dentro de Galicia superará os 280.000 euros, xa que debe supor polo menos o 120% da contía que lle foi concedida.
Xa no mes de xuño, o equipo de Honeymoon porá rumbo cara a Valladolid, onde está previsto que remate a súa rodaxe sobre o día 10.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.