O TSXG obriga ás residencias privadas a informar sobre contaxios e mortes por Covid

O tribunal rexeita un recurso de cinco empresas e confirma que "o interese público da información solicitada debe prevalecer sobre o interese comercial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza que avala que os xornalistas teñen o dereito a acceder á información do número de contaxios e falecementos por covid-19 ou síntomas compatibles ocorridos en cada residencia de maiores privada de Galicia entre o 1 de marzo e o 30 de abril de 2020.

En concreto, este fallo, emitido o luns pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-administrativo e contra o que aínda cabe recurso de casación, confirma unha resolución da Consellería de Política Social pola que se concedeu o acceso a eses datos e que foi recorrida polas residencias, que se opuñan a facilitar a dita información.

A xuízo dos maxistrados, neste caso debe primar o dereito ao acceso á información pública que consagra a Constitución no seu artigo 105, así como as leis estatal e galega de transparencia. "O interese público da información solicitada debe prevalecer sobre o interese comercial das empresas. A afectación de tales intereses --como alegan os centros-- é puramente especulativa, sen fundamento real", di a sentenza.

E é que, segundo o fallo do TSXG, esta información tamén permite que a opinión pública poida avaliar "a eficacia das medidas adoptadas, así como o destino do diñeiro público".

É "INFORMACIÓN PÚBLICA"

En definitiva, a Sala do Contencioso-Administrativo destaca que eses datos foron recollidos pola Consellería de Política Social "en exercicio das súas funcións" e que, por tanto, teñen "a natureza de información pública que lle atribúe" as leis de transparencia. As empresas recorrentes foron Geriatros SA (que opera baixo a marca DomusVi), Quavitae Servizos Asistenciais SAU, Sar Residencial e Asistencial SA, Xeriátricos do Principado SA e Gero Vitalia SL.

Todas elas alegaban que o acceso a esta información vulneraba o dereito á honra, a intimidade e a imaxe dos usuarios; que producía "un prexuízo para os intereses económicos e comerciais"; e que instalaba "un demérito na estima pública" das compañías titulares dos centros porque estes datos non ofrecen unha "imaxe real da realidade do esforzo feito" polas residencias durante a pandemia.

Con todo, os maxistrados rexeitan estes extremos porque "os datos solicitados están completamente disociados de ningún tipo de información, de maneira que non resulta posible dese só dato numérico identificar persoa ningunha".

"NON SE ASOCIAN NOMES"

En canto á lesión da honra, a intimidade e a propia imaxe das persoas contaxiadas e falecidas alegada polas residencias privadas, o TSXG insiste en que "non pode vulnerarse ningún destes dereitos se non se asocian nomes e doenzas ou falecementos".

Así mesmo, os maxistrados explican que, en realidade, as demandantes reprochan "que os datos van ser emitidos descontextualizados ou non explicados, o que pode levar á cidadanía a formar unha opinión equivocada sobre a forma de xestión da pandemia no centro". Pero a sala destaca que eses mesmos datos xa foron ofrecidos sobre os centros públicos, "polo que a información estatística desagregada só completa o mapa territorial e situacional pretendido" en base á lexislación de transparencia.

Por iso, os maxistrados conclúen que non publicalos "deixaría as entidades privadas nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo".

"Non pode descoñecerse que dificilmente pode concibirse asunto sobre o que exista un maior interese público que xustifique transparencia na actuación e o acceso á información que a xestión da pandemia, pola convulsión social que produciu, os danos persoais e o sufrimento que ocasionou, así como a limitación de dereitos e liberdades e perdas económicas que supuxo", resume o tribunal.

Interior da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo, Galicia (España), a 8 de setembro de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Interior da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo, Galicia (España), a 8 de setembro de 2020.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

POLÍTICA SOCIAL ESPERARÁ A QUE SEXA FIRME

A Consellería de Política Social e Xuventude, consultada por Europa Press, asegura que celebra esta decisión do TSXG porque lle dá a razón fronte ao recurso presentado polas empresas. Con todo, o departamento que dirixe Fabiola García aínda non ofrecerá os datos desagregados por centros privados --que si ofreceu con anterioridade--, á espera de que a sentenza sexa firme, xa que hai un prazo de 30 días para recorrer en casación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta