A Consellería de Educación cambia de nome e de estrutura tras a marcha de Feijóo

Román Rodríguez suprime a secretaría xeral de Educación e a secretaría Xeral de Cultura para "aproximar" a estrutura do seu departamento ao de resto de consellerías.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa non se chama así. Acaba de mudar o nome por un máis acorde aos novos tempos; Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Son cambios pequenos pero importantes xa que aparece a "Formación Profesional", un campo educativo chamado a gañar moito terreo nos vindeiros anos, e "universidades", tendo en conta que Galicia conta con tres delas.

Román Rodríguez na toma de posesión de José Luis Mira Lema cando era secretario xeral de Educación
Román Rodríguez na toma de posesión de José Luis Mira Lema cando era secretario xeral de Educación | Fonte: xunta.gal

E co cambio de nomenclatura tamén chegan cambios no organigrama do departamento. Suprímense secretarías xerais e créanse novas direccións xerais. Cambios que, segundo, fontes da consellería consultadas por Galicia Confidencial pretenden aproximar a organización deste departamento co doutras consellerías.

Deste xeito, de catro secretarías, Educación quedará agora con tres, a secretaría xeral de Universidades, con José Alberto Díez; a secretaría xeral, con Manuel Vila, e a de Política Lingüística, Valentín García, dous dos homes da máxima confianza de Román Rodríguez. Desaparecen a secretaría xeral de Educación, que ocupaba José Luis Mira Lema, e a Secretaría Xeral de Cultura, de Anxo Lorenzo. Os dous pasan a ser directores xerais, o primeiro de FP e o segundo de Cultura.

CAMBIOS

"Non habían ningunha outra consellería con catro secretarías xerais", apuntan as fontes consultadas que insisten en que Anxo Lorenzo seguirá coas mesmas competencias, mentres que Mira asumirá as de FP. Con todo, na comunidade educativa chamou a atención este último cambio xa que o xa ex secretario xeral de Educación chegou ao cargo en 2020, en plena pandemia.

"José Luis centrarase nesta etapa educativa na FP que é un obxectivo prioritario deste departamento", indican desde a Consellería e lembran que el é un dos maiores expertos españois e formación profesional e responsable de modernizar a estrutura da FP en Galicia. Ademais, este campo recibirá importantes fondos europeos nos vindeiros anos.

"EXTRALIMITACIÓN DE FUNCIÓNS"

Con todo, outras fontes consultas por GC do ámbito educativo suliñan que este cambio ten que ver coa "extralimitación de funcións" de Mira Lema desde o seu xa ex super departamento. De feito, lembran que intercedeu para, presuntamente, "enchufar" ao seu fillo Iván Mira, como subdirector de OrdenacióN, Inspección e Avalación do Sistema Educativo tras unha "meteórica carreira" como inspector educativo.

A caída de Mira supón a chegada da primeira muller aos segundos postos do organigrama da Consellería. Trátase de Judith Fernández, xefa territorial de Educación en Ourense e, agora, nova directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que absorberá parte das competencias que deixa libre Mira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta