"Va tacito e nascosto"

O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan. Os colectivos na defensa da sanidade pública (SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública), así como os sindicatos maioritarios (nomeadamente CIG Saúde) levan tempo informando, explicando e denunciando -con datos obxectivos e verificabeis-, as decisións do goberno de Núñez Feixóo de ofrecer ás empresas privadas o que é patrimonio de todos nós. A ninguén se lle escapa que o deseño desta privatización, xa en marcha, non nace da testa da Conselleira Rocío Mosquera e do seu equipo de “encargados” –nunca faltou un roto para un descosido, nin un corno para un atrevido-.

Por Alberte X. Araúxo | Nigrán | 19/07/2014

Comparte esta noticia
As ideas son emprestadas. Eles son simples mandados entusiastas. O plan de privatización do sistema sanitario público (SSP) afecta a todo o Estado Español, ben visíbel naquelas comunidades onde goberna a dereita neoliberal, chámese PP ou CiU -ca cobertura lexislativa que cómpra, dada polo goberno central de Rajoy-; e defíneno os grandes grupos económicos vencellados á industria farmacéutica, ás corporacións sanitarias privadas, ás de biotecnoloxía e ás aseguradoras, que actúan directamente sobre as administracións, ou mesmo por medio de grupos de presión. Nuns recentes artigos(*), Pablo Vaamonde dá datos e referencias sobre os lobbies que están a actuar en connivencia cos responsabeis políticos e con profesionais afíns para, baixo a tapadeira da eficiencia na xestión e sustentabilidade do Sistema, quedárense co anaco do pastel orzamentario sanitario (millóns de euros anuais). Pero hai máis. Como sinala ese autor, o eminente cambio nas relacións comerciais (futuro acordo EUA-UE, ca introdución de empresas norteamericanas), e no marco lexislativo e institucional comunitario da UE, unha vez acadada a privatización do SSP, a volta atrás podería ser case imposíbel, ou a un custe inasumíbel polas comunidades autónomas. 
 
Na Galiza levan tempo movendo ficha: privatización de servizos hospitalarios chamados pola Consellería como “non sanitarios”; privatización das unidades de esterilización; xestión e financiamento dos novos hospitais; cesión de recursos millonarios de investigación e investimentos en nova tecnoloxía a grupos privados; lexislación autonómica sobre tempos máximos de espera, que “obriga” á derivación a centros sanitarios privados. Ademais das novas formas organizativas anunciadas (o despece do SERGAS nas Áreas de Xestión Clínica), acompañada dos cambios lexislativos ad hoc que posibilitan a entrada de capitais privados. Mais cómpre indicar outro elemento neste proceso: a aprobación dunha taxa de reposición do persoal sanitario -limitadora do recambio de profesionais-, está a ser o elemento decisivo no debilitamento do SSP. Esta ten sido a peor agresión realizada polo PP contra a sanidade pública. Unha decisión estratéxica do goberno central encamiñada a anemizar o Sistema e, ao tempo, prepararlle o terreo ás empresas privadas: menos persoal, peor calidade asistencial, ergo, descrédito para o SSP; menos persoal estatutario, facilidade para a subcontratación. Precisaban “limpar” de persoal con dereitos os paneles de profesionais. Pero aínda máis. Esta medida está a colocar xa no mercado laboral man de obra especializada abondo, por riba da oferta de traballo, co que deixará nas mans das empresas privadas do sector sanitario a definición das condicións de contratación.
 
Resumindo: 1) Os grandes grupos económicos deciden que a prestación de servizos sanitarios debe estar no mercado e xerarlles plusvalías. 2) Os políticos de turno, do PP e mesmo tamén do PSOE, monicreques nas mans do capital transnacional e da clase corporativa, aceptan ese plantexamento de calado, ca venda ao saldo do SSP. 3) O contexto da crise permite publicitar a falacia da insustentabilidade e ineficiencia do Sistema, e acometer sen demora a súa privatización, creando un discurso único xustificador, sen contemplar as alternativas xurdidas dende diferentes entornos profesionais e sociais. 4) Os ritmos da privatización axéitanse ás diferentes realidades sociais: ás tolas e con premura nas Comunidades de Madrid e Valencia; con fachenda en Cataluña; e ás agachadas e aos poucos na Galiza. 5) Utilízanse “voceiros autorizados” (e interesados) do sector sanitario público para defender, senón directamente a privatización, si as medidas particulares que, indefectibelmente, levaran á mesma. 
 
Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo: o “apagalumes” en camisa refucida, patalón de pinzas e zapatiños “castellanos”; o dos “poemas gallegos”; o convidado estelar da cadea de extrema dereita “Intereconomía”; o amiguiño de nevaradas de Marcial Dorado; o que cita a Castelao sen pestanexar, mentras dinamita por decreto o galego. Todo isto é aínda máis perverso canto que o PPdG acudiu ás elecións autonómicas do 2012 sen un programa que defendera a privatización sanitaria. Non foron explícitos en que seguirían as directrices dos grandes grupos económicos da sanidade privada, nin que poñerían nas súas mans -e para o seu beneficio-, a explotación do coidado da nosa saúde. Nin agora, cunha continua xestión privatizadora, son quen de recoñecelo.
 
 Dende o Movemento Galego da Saúde Mental tamén estamos a advertir da perda de recursos, dos riscos da privatización, e da actitude neglixente dos responsabeis sanitarios da Consellería de Sanidade. Recentemente vimos de denunciar o flirteo de altos cargos da administración sanitaria –encabezados pola propia Rocío Mosquera - cos lobbies de privatización, nun encontro ilícito máis propio de moblet, que de alcoba cristiá –da que seguro devecen- (**). 
 
Neste contexto bótase en falla máis inciativa da oposición política ao PP, máis firmeza e unidade contra a privatización, máis liderado, seguindo a traza dos movementos sociais e dos sindicatos. Ou actúase con dilixencia, rigor, fortaleza e unidade, ou o proceso será irreversíbel. Parar a privatización da sanidade pública debe ser un dos obxectivos principais da acción política. É un dos piares do noso precario estado de benestar. Serán as clases populares, as máis desherdadas e empobrecidas, quen sufran as peores consecuencias da privatización do SSP. Mais todos nós, de non frear a estos bárbaros, seremos corresponsabeis de legar aos que veñan unha sociedade máis inxusta, insolidaria e desigual.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberte X. Araúxo Vilar Alberte X. Araúxo Vilar (Pontevedra, 1961) Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Psiquiatría polo Hospital Clínic i Universitari de Barcelona. Foi profesor de Psicopatoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente realiza a actividade asistencial no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde tamén imparte docencia universitaria en Clínica Psiquiátrica como Profesor Asociado de Ciencias da Saúde da USC. Autor de numerosos capítulos de libros y publicacións en revistas especializadas, no campo da psiquiatría e a saúde mental. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.