Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2022 | Actualizada ás 11:54
O plan de loita contra o lume de Galicia (Pladiga) para 2022 inclúe novidades como a modernización do centro de coordinación --con sede en Santiago--, o aumento ata alcanzar as 148 videocámaras --seis máis que en 2021-- e a compra de novos drones. A Xunta fixa o obxectivo de que non ardan máis de 16.187 hectáreas, cifra resultante da media da última década.
Así figura no Pladiga deste ano, documento provisional ao que tivo acceso Europa Press e que se prevé aprobar no Consello da Xunta deste xoves, 2 de xuño. Todo iso despois dun 2021 no que se queimaron 4.403 hectáreas, terceira cifra máis baixa nos últimos dez anos.
Como outras metas, a Consellería de Medio Rural marca que haxa menos de 411 incendios e que os lumes sexan de menos de 6,5 hectáreas de media. Espérase que o 70% non supere o tamaño dunha hectárea de extensión. Se se elimina o valor máis alto e o máis baixo do últimos dez anos, a Xunta establece como fin non superar as 12.223 hectáreas arrasadas ao longo do actual exercicio.
Ademais, outro obxectivo é o de non superar as oito situacións de tipo 2 --aquelas que poñen en risco casas-- declaradas (en 2021 só foron tres). O tempo de reacción ante incendio quérense reducir de 21 minutos, á vez que se tentará baixar das 4 horas e 17 minutos o período medio para terminar cos lumes.
RENOVACIÓN
De tal forma, o Pladiga recolle a aposta pola renovación do Centro de Coordinación Central, situado na capital galega, cun novo sistema de visualización con 10 pantallas de 65 polgadas --con mosaico LED continuo no panel lateral--, que permitirá o despregamento de novas cámaras, as interaccións co sistema Xeocode Lite --cuxa versión se evolucionará--, a ampliación da predición meteorolóxica, así como vídeo en tempo real de aeronaves e bases aéreas.
Tamén se vai acondicionar un novo centro de coordinación provincial en Ourense, que permitirá visualizar en tempo real todos os incendios da zona. Contará cun lugar específico para o despregamento do Centro de Coordinación Operativa, área de reunións e videoconferencias.
Pola súa banda, as videocámaras aumentan de 142 (que xa cubría ao redor o 70% do territorio) a 148, co seu emprazamento en 74 localizacións (tres máis) polo territorio. Haberá novas cámaras con detección térmica, que permitirá "detectar puntos quentes mesmo en situacións de escuridade total".
Así mesmo, compraranse 13 motobombas, vaise renovar o parque móbil de todoterreos, mellorarase a rede de puntos de encontro e modernizaranse os equipos, por exemplo a dotación de roupa técnica de inverno para os bombeiros forestais das 282 brigadas.
Xunto a isto, destínase máis dun millón de euros á creación de 26 novos depósitos de auga, que estarán repartidos por provincias: Pontevedra (9), Lugo (8), Ourense (5) e A Coruña (4). Máis aló disto, proseguirase co labor da unidade de investigación de incendios --abriu 242 dilixencias de investigación en 2021, nun exercicio no que identificou a unha ducia de incendiarios--. Aquí, fíxase o obxectivo do incremento da detención do número de incendiarios.
APROBACIÓN DE NOVA LEI
Outro dos puntos que figura neste documento é o continuar coa elaboración da nova lei de loita integral contra incendios, que "está previsto que poida ser aprobada en 2022". O texto abordará cuestións como as figuras das "paisaxes devasas", así como dar un impulso "decidido" á xestión das franxas secundarias --próximas a vivendas-- mediante a actividade agrogandeira e a plantación de frondosas.
MEDIOS
Pola súa banda, o Pladiga mantén de forma global o dispositivo de medios do ano anterior. De tal forma, o documento de 2022 recolle no alto risco 19 medios aéreos da Xunta e entre 8 e 9 do Estado, do mesmo xeito que en 2021. O dispositivo segue cos 179 medios terrestres da Xunta --como motobombas e maquinaria pesada--, aínda que os achegados polos municipios e parques comarcais baixan a 197, os cales eran 221 en 2021 --obsérvanse menos motobombas municipais e do GES--.
Igualmente, mantéñense os máis de 3.000 traballadores de medios propios da Xunta de Galicia, pero hai un descenso do total achegado por concellos, parques comarcais e municipais --diminúen de 2.433 a 2.149--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.