A Xunta defende o I Plan galego contra a trata e a explotación sexual, que estará vixente ata 2025

O Consello Económico e Social de Galicia (CES) advirte de problemas estruturais, de cronograma e a falta de orzamento para accións concretas. Apuntan ademais a que non se inclúen criterios de avaliación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, defendeu este xoves na Comisión 5º de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia o I Plan galego contra a trata e a explotación sexual, aínda en fase de alegacións, pero que estará vixente ata 2025.

Fíxoo ante unha pregunta do grupo socialista, que quería coñecer se se incorporarían as melloras suxeridas polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) ao plan. Sinalaron que o organismo advirte de problemas estruturais, de cronograma e a falta de orzamento para accións concretas. Apuntan ademais a que non se inclúen criterios de avaliación.

A este respecto, os socialistas remarcaron que "mentres persista a prostitución, as mulleres non seremos iguais". "Que liberdade sexual hai nun prostíbulo?", preguntáronse. López Abella coincidiu co grupo parlamentario do PsdeG e lembrou que "o Partido Popular xa se declarou abolicionista da prostitución en 2004".

Respecto ao Plan, a secretaria xeral xustificou esas alegacións por non contar o CES co borrador completo -só lles facilitáron as medidas cuxa avaliación lles podía competer--; "un erro que se está tentando emendar". "Deberiamos mandar o documento completo. O contexto é moi importante", recoñeceu Abella. Con iso, insistiu, demostraríase por exemplo que si se contou co Observatorio galego da Violencia de Xénero ou a Rede galega contra a trata; unha das cuestións polas que preguntaban os socialistas.

Abella insistiu en que se trata das medidas do plan, "un borrador", asegurando que o Plan en si mesmo si incluirá "medidas concretas e orzadas"; contará coa colaboración de todas as administracións, tamén a local; e con indicadores para a súa avaliación. Volvendo ao Observatorio, a secretaria xeral destacou que elaborou unha guía contra a trata, que fundamenta o plan, no que se inclúen 39 recomendacións para abordar o tema desde a sanidade, a educación, as forzas de seguridade e os medios de comunicación, entre outros.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta