A aclamada obra de realidade virtual de González Iñárritu chega a Galicia para entrar na pel dun inmigrante ilegal

Trátase de vivir a experiencia dun migrante mexicano que trata de cruzar a fronteira dos Estados Unidos. A obra está instalada na Cidade da Cultura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Porse "na pel e no corazón" dun migrante mexicano que trata de cruzar ilegalmente a fronteira dos Estados Unidos, sentir os seus pés descalzos sobre a area, a escuridade do deserto e a persecución das forzas policiais é posible grazas á instalación de realidade virtual 'Carne y Arena', do director Alejandro G. Iñárritu, que chega por primeira vez a España para permanecer durante os meses de verán na Cidade da Cultura, onde un reducido grupo de persoas poderá vivir diariamente esta premiada experiencia.

Presentación da experiencia de realidade virtual 'Carne e Area'.
Presentación da experiencia de realidade virtual 'Carne e Area'. | Fonte: Europa Press

O conselleiro de Cutura, Román Rodríguez, participou este martes na presentación deste proxecto dixital que acollerá o Museo Centro Gaiás, inmerso na celebración do seu décimo aniversario.

No acto interveu tamén, desde México, David Ramírez, cofundador da Plataforma 90_20, un dos soportes deste proxecto. Ramírez explicou que a intención desta experiencia é que o espectador poida "sentir en carne propia" o que significa ser un migrante ilegal e "xerar empatía" cara a este colectivo.

"É unha experiencia que transforma á xente", dixo David Ramírez, que confiou, sobre todo, en que poida chegar a xente nova, xa que "nas súas mans está, en boa parte, transformar este problema nunha situación vivible".

Coa axuda da realidade virtual e nunha contorna inmersiva, 'Carne y Arena' permite os participantes experimentar "en profundidade" un fragmento da viaxe dos migrantes mexicanos que cruzan a fronteira de Estados Unidos.

Deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira ao redor dunha secuencia de realidade virtual que experimentan tres visitantes de forma simultánea, pero en salas separadas. A crítica e os premios recibidos avalan o seu "extremo realismo".

En palabras do propio director, a intención foi "experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper a ditadura do encadre" que sofre o cinema, e "permitir ao visitante unha experiencia directa".

Santiago de Compostela convértese na primeira cidade no Estado español en recibir esta montaxe, galardoada cun Oscar da Academia estadounidense, que xa pasou por distintos puntos dos Estados Unidos e por cidades como Milán, Ámsterdam, Cidade de México ou Montreal.

ENTRADAS LIMITADAS

Polas especiais condicións da instalación, que só pode acoller tres persoas por quenda, as prazas para vivir esta experiencia limítanse a 75 por día.

A partir deste martes poden comprarse as entradas para as sesións do mes de xullo, a un prezo de 9 euros máis gastos de xestión, a través de Ataquilla.

A entrada non está permitida a menores de 14 anos e non se recomenda a persoas con problemas cardíacos, lumbares, antecedentes por convulsións, epilepsia ou sensibilidade a luces intermitentes. A partir do mes de xullo, poranse á venda as entradas de agosto. A instalación permanecerá no Gaiás ata o 18 de setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta