Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022 | Actualizada ás 20:00
A Universidade da Coruña participa na misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición, os movementos e as propiedades das estrelas da Vía Láctea, e así, crear un mapa multidimensional de case dous mil millóns de estrelas. A astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte lideran o equipo do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña que participa nesta misión espacial.
Este luns veñen de presentarse a terceira publicación de datos, que contén información nova e mellorada de case dous millóns de obxectos da Vía Láctea e que revoluciona a nosa comprensión da Galaxia. O catálogo inclúe nova información e máis precisa ca do anterior arquivo, como temperaturas estelares, radios, composicións químicas, masas, idades e a velocidade á que as estrelas se achegan ou afastan de nós.
Gran parte desta información foi revelada pola espectroscopia, unha técnica na que se divide a luz das estrelas (coma un arco iris). Así mesmo, este arquivo recolle subconxuntos especiais de estrelas, como aquelas que cambian de brillo co tempo, ou estrelas variables. Outra novidade é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias da Vía Láctea, miles de obxectos do Sistema Solar, entre eles asteroides e lúas de planetas, así como millóns de galaxias e quásares situados fóra da Vía Láctea.
O equipo investigador do CITIC traballou nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal da unidade de coordinación 9 foi a creación de técnicas e ferramentas para a verificación da calidade dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Á súa vez, a unidade de coordinación 8 centrouse en deseñar e desenvolver técnicas automatizadas, baseadas na Intelixencia Artificial e na Estatística Inferencial, que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.