O Chuac incorpora un dispositivo para manter un fígado nas condicións "ideais" fóra do organismo

Ata agora, o fígado, unha vez extraído do corpo do doante, podía almacenarse de forma segura durante unhas poucas horas (tempo de isquemia fría).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2022 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) acaba de incorporar unha máquina de perfusión que imita a función que realiza o corpo humano e recrea as condicións ideais para que un fígado sobreviva fóra do organismo. Ata agora, o fígado, unha vez extraído do corpo do doante, podía almacenarse de forma segura durante unhas poucas horas (tempo de isquemia fría).

"Con esta nova tecnoloxía de perfusión, os fígados sans, e mesmo os dubidosos en canto á súa validez, poden manterse en mellores condicións evitando os danos que poden producir desde que o órgano é extraído do doante ata que se implanta no receptor", explican desde o complexo hospitalario.

Ademais, sinala que este avance no tratamento e mantemento do órgano extraído permite aumentar a cantidade de órganos dispoñibles para o transplante, ademais de optimizar os órganos que polas súas características chegarían en peores condicións e poderían afectar de maneira negativa ao resultado final. "Os fígados de características dubidosas de doante cadáver pódense optimizar nesta máquina para que diminúan os danos producidos pola preservación polo que chegarán en mellores condicións ao transplante", expoñen desde o Chuac.

En concreto, este dispositivo de nova incorporación fai circular polo interior do órgano unha solución de preservación osixenada para que as células sufran o menos posible durante o tempo que o fígado permaneza fóra do organismo. O método tradicional de conservación dos órganos en frío segue sendo a norma habitual e o dispositivo só será utilizado en órganos que necesiten unha mellora na preservación polas súas condicións.

No que vai de ano, o número de transplantes hepáticos realizados no Chuac ascende a 22, cifra similar á conseguida por estas mesmas datas do pasado ano.

Equipo de perfusión hepático. CHUAC
Equipo de perfusión hepático. CHUAC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta